Encontra 121 décimos de lotaría e 2.300 euros en efectivo e devólveos
Por Natalia Puga
Unha veciña de Pontevedra realizou o domingo un achado pouco habitual e tivo unha reacción que, cando menos, chama a atención. Encontrouse tirados na rúa 121 décimos de lotaría e 2.300 euros en efectivo e, dando exemplo de civismo, chamou a Policía Local para entregalo todo. Finalmente, apareceu o dono.
Todo aconteceu sobre as 13.00 horas do domingo na rúa Gagos de Mendoza. Unha muller ía camiñando pola rúa e viu tirado no chan un bolso de cor laranxa. Colleuno, comprobou que estaba cheo de décimos de lotaría e billetes e chamou á central da Policía para avisar. Unha patrulla municipal desprazouse ata o seu domicilio para recoller o achado.
Segundo informou a Policía Local, o bolso e todo o seu contido desprazouse á Xefatura e alí empezaron as xestións para localizar o seu lexítimo propietario. Dentro do bolso había unha carteira con distinta documentación e, a través desta, localizaron o dono. Chamárono e presentouse nas dependencias policiais.
Unha vez alí, o dono recoñeceu o seu bolso e mostrou a súa sorpresa porque aparecera e, sobre todo, porque aparecera todo o que levaba dentro. A Policía Local realizara inventario e había 2.300 euros en efectivo repartido en 75 billetes de distinto valor: 100 (5 unidades), 50 (17), 20 (43), 10 (oito) e 5 (dous boletos) euros.
Ademais, no bolso había 121 décimos de Lotaría do Sorteo de Nadal. O propietario do bolso rexenta un local de hostalaría situado no mercado de abastos de Pontevedra no que ten a disposición dos seus clientes billetes de lotaría e perdéraos todos.