A rehabilitación dunha vivenda en Campañó, a construción de catro cabanas en Marín e o acondicionamento dunhas oficinas en Ponte Caldelas. Son os tres proxectos premiados na área de Pontevedra dentro do certame Gran de Area 2024.
Estes galardóns, que conceden anualmente as delegacións de Vigo, Pontevedra e Ourense do Colexio de Arquitectos de Galicia, buscan recoñecer a importancia da obra arquitectónica e a posta en valor da contorna na que se asentan.
Nesta edición foron 75 os proxectos presentados a estes premios, obras de carácter urbano, habitacional, industrial, comercial ou paisaxístico e con escalas tamén moi diferentes, desde pequenas intervencións, case estratéxicas, a outras que mesmo resolven espazos urbanos.
O xurado apreciou nas propostas unha diversidade "moi rica e de alta calidade", así como un "compromiso inquebrantable" coa excelencia no campo da arquitectura e a construción.
Alfonso Penela Fernández é o responsable da construción de catro cabanas en Marín que, para o xurado, son unha "simbiose perfecta" entre arquitectura e natureza.
O seu proxecto, segundo recolle o fallo do xurado, conta cunha solución construtiva e estrutural que se fusiona co arborado da parcela creando unha fluída relación entre os espazos interiores e exteriores das cabanas, fomentando unha nova forma de desfrutar dun turismo mais ecolóxico.
Pola súa banda, a rehabilitación e ampliación dunha vivenda tradicional en Casal do Mendo (Campañó), realizada por Gabriel Alarcón Sabarís, é outra das obras premiadas.
No seu caso, o xurado subliñou o enfoque arquitectónico singular que lle deu a unha vivenda en ruínas, cunha intervención que ten como fío condutor a cuberta de formigón que une a estrutura tradicional do inmoble co volume novo que se edificou.
Esta peza confírelle ao conxunto unha "riqueza xeométrica e espacial", resolvendo tamén as necesidades funcionais dunha vivenda actual baixo a premisa da sustentabilidade económica.
As novas oficinas da produtora Ernie Records, en Ponte Caldelas, para as que Luciano González Domínguez e Miguel Estévez Gómez adaptaron un antigo negocio familiar hostaleiro, é o terceiro dos proxectos premiados na demarcación de Pontevedra.
O xurado premia esta obra pola "valente proposta de microcirurxía" e a posta en valor dos elementos preeexistentes para acoller unha produtora musical alternativa.
A reutilización deste negocio, apuntan os expertos, conseguiu crear unha imaxe de marca na que a circularidade e o mantemento das pegadas do pasado "xogan un importante papel".
Ademais destes tres proxectos, os premios Gran de Area 2024 recoñecerán intervencións realizadas en Parada de Sil, Vigo, Ourense, Gondomar, Nigrán, Salceda de Caselas e O Rosal.
A entrega de premios celebrarase o 25 de xaneiro no novo edificio multiusos sociocultural de Tui, que foi rehabilitado recentemente.