Preferentistas do Salnés e Pontevedra abandonan as protestas ao recuperar case todos os seus aforros

Pontevedra
20 de xuño 2014

Moitos dos afectados de ambas as dúas organizacións cobraran xa mediante o sistema de arbitraxe que puxo en marcha a Administración. Non obstante, tras a chegada da nova dirección de Novagalicia Banco, os casos fóronse resolvendo a través de acordos que foron alcanzando directamente nos últimos meses coa entidade financeira

Preferentistas do Salnés e Marín-Pontevedra tras anunciar o fin das protestas

Tras case dous anos de mobilizacións continuas, as plataformas de afectados polas participacións preferentes e débeda subordinada do Salnés e Marín-Pontevedra decidiron abandonar as protestas. Así o anunciaron tras unha reunión celebrada en Sanxenxo.

Toman esta decisión tras as últimas devolucións de fondos aos seus integrantes, que permitiu, sinalan, que a maioría recuperaron o seu diñeiro ou están a punto de facelo.

Moitos dos afectados de ambas as dúas organizacións cobraran xa mediante o sistema de arbitraxe que puxo en marcha a Administración. Non obstante, tras a chegada da nova dirección de Novagalicia Banco, os casos fóronse resolvendo a través de acordos que foron alcanzando directamente nos últimos meses coa entidade financeira.

Trátase dunha medida similar á adoptada recentemente por outras plataformas similares como as de Val-Miñor, O Morrazo e A Coruña.

En todo caso, ambas as dúas plataformas non se disolverán aínda. No Salnés deixarán activa unha comisión de seguimento para pechar unha serie de flocos co banco, mentres que a de Pontevedra manterá as denuncias que presentaron contra exdirectivos de Caixa Galicia e Caixanova polo seu papel na comercialización destes complexos produtos híbridos.