Preámbulo do 1º de Maio da CIG cunha concentración reclamando traballo digno

Pontevedra
17 de abril 2024

Delegados sindicais mantiveron unha asemblea este mércores para, a continuación, concentrarse na Subdelegación do Goberno denunciando a precariedade laboral. Denuncian a inacción por parte do goberno da Xunta ao entender que carece de plan de emprego e de proxectos industriais para Galicia

Delegados da CIG demandan traballo digno Mónica Patxot

Este mércores, delegados da CIG mantiñan unha asemblea no edificio sindical para, a continuación, iniciar levar a cabo unha concentración ante a Subdelegación do Goberno na que expuxeron as demandas sociais da clase traballadora.

Marcos Conde, secretario comarcal da CIG, afirmaba que "estamos a vivir na necesidade urxente de cambiar a situación de precariedade" que, segundo manifestaba, se deriva das políticas realizadas tanto polo Goberno Central como pola administración autonómica.

Lembrou os problemas que se rexistran na actualidade como consecuencia das reformas laborais acometidas polo goberno do PP en 2011 e 2012. 

Ademais, Conde acusou á Xunta de Galicia de "inacción" ao entender que caqrece de plans de proxectos industriais e plans de emprego para Galicia.

"Aceptan o papel de colonia para Galiza e de man de obra a exportar que nos deixan aos galegos", sinalou o representante sindical, "30.000 galegos tiveron que marchar a traballar na emigración e esta situación é insostible".

Por outra banda, a concentración tamén reclamou a petición de paz para Palestina e para calquera pobo oprimido, un escenario que é consecuencia, segundo a CIG, de "políticas económicas que nos arrastran a esta situación".

A petición de traballo digno e do fin da precariedade laboral presentaranse como puntos básicos nas reclamacións da central nacionalista para a celebración do 1º de Maio. 

Nesa xornada teñen previsto realizar unha manifestación que comezará ás 11.30 horas na Praza da Ferrería e percorrerá as rúas centrais de Pontevedra; outra que partirá da Casa do Mar de Vilagarcía á mesma hora; e ás 12.00 horas, unha terceira desde a Praza do Mercado da Estrada.