Dotan á praia de Panadeira dun acceso para persoas con mobilidade reducida

Sanxenxo
17 de outubro 2024

A actuación enmárcase dentro da liña de axudas do Embelecemento do Litoral Galego

Obras de construción dunha pasarela na Praia de Panadeira
Obras de construción dunha pasarela na Praia de Panadeira Concello de Sanxenxo

Coa demolición das xardineiras comezou este xoves na praia de Panadeira o acondicionamento do espazo onde se habilitará unha nova pasarela para facilitar o acceso para persoas con mobilidade reducida.

En total ocupa unha superficie de 73,5 metros cadrados. Está previsto que estes traballos duren dúas semanas.

A actuación enmárcase dentro da liña de axudas do Embelecemento do Litoral Galego.

Nesta subvención tamén se inclúe a renovación dun tramo de 150 metros de pasarela en Areas, nestes momentos en execución, que transcorre pola beira do río Pintillón até a entrada da praia. Ademais, mellorarase a protección do espazo dunar ao elevar o novo paseo cincuenta centímetros.

Ademais, na praia de Canelas habilitouse un novo itinerario peonil na zona norte do areal, co obxectivo de recuperar o sistema dunar e eliminar a circulación rodada.

Construíuse unha pasarela elevada de 50 centímetros sobre a actual rasante da duna e da zona de acceso rodado. Ademais, colocarase unha varanda para mellorar a seguridade no acceso. A actuación inclúese dentro da subvención do Fondo de Compensación Ambiental.

O Concello de Sanxenxo executa estas tres actuacións cun investimento total que supera os 167.000 euros.