PP, PSOE y BNG de Cerdedo-Cotobade apoian as obras de Baños do San Xusto tras a denuncia de Andrés Díaz

Ponte Caldelas
01 de maio 2020

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, agradece o apoio dos grupos da oposición na súa defensa da rehabilitación integral dos Baños do San Xusto, cuxo convenio foi denunciado polo rexedor de Ponte Caldelas, Andrés Díaz. O Defensor do Pobo indicou nun informe a falta de transparencia na execución do proxecto

Baños de San Xusto (Cerdedo-Cotobade) Terras de Pontevedra

Continúa a tensión entre o goberno de Cerdedo-Cotobade e o de Ponte Caldelas en relación coa rehabilitación integral prevista en Baños do San Xusto. Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, denunciou o convenio e Jorge Cubela, rexedor de Cerdedo-Cotobade, anunciaba este venres que conta co apoio unánime dos tres grupos que forman a corporación municipal: PP, PSOE e BNG.

Cubela pide en nome da corporación a Andrés Díaz que abandone o boicot desta obra. Ernesto Filgueira, portavoz do BNG sumouse á proposta do comunicado realizado polo executivo local en defensa da obra e reclama ao alcalde caldelán que cese nos seus intentos para tentar que a obra se bote atrás.

Tamén o PSOE local, partido ao que pertence Andrés Díaz, sumouse ao respaldo do goberno de Cerdedo-Cotobade ao sinalar a necesidade destas obras de rehabilitación de Baños do San Xusto. Os socialistas non se sumaron, en cambio, ao comunicado realizado polo equipo de Jorge Cubela, pero emitiron un propio en similares termos pero con matices.

Desta forma, manifestan o seu apoio á obra pero amosan tamén a súa preocupación polo recente informe do Defensor do Pobo, a instancias dunha queixa formulada polo Concello de Ponte Caldelas, no que se declara nulo de pleno dereito o convenio asinado entre o alcalde cotobadés e a Xunta de Galicia para esta reforma. Ademais, reclaman transparencia na execución do proxecto e renuncian a "calquera tipo de enfrontamento persoal ou territorial a propósito desta cuestión dentro do marco institucional, e asumimos que cada Concello ten o dereito a defender os seus intereses".

O máximo representante de Cerdedo-Cotobade asegura que os alcaldes da Lama e de Campo Lameiro, Jorge Canda e Carlos Costa, mostran o seu apoio ao convenio coa Xunta para que se execute esta obra. A administración autonómica achegará 680.000 euros para crear pozas de uso público e estes representantes municipais entenden que será un proxecto favorable para toda a contorna da zona interior da comarca de Pontevedra.