Pouca incidencia nas consultas durante a xornada de folga médica

Pontevedra
11 de abril 2023
Actualizado: 17:58

A Confederación Estatal de Médicos (CESM) de Galicia iniciou unha folga indefinida este martes 11 de abril a partir das 00:00 horas. PontevedraViva achegouse ata o Centro de Saúde Virxe Peregrina e ao Hospital Provincial de Pontevedra onde os pacientes consultados afirmaban non ter detectado a incidencia deste parón laboral dos facultativos

Consulta externa do Hospital Provincial de Pontevedra PontevedraViva

A Confederación Estatal de Médicos (CESM) de Galicia, único sindicato convocante, iniciou unha folga indefinida este martes 11 de abril a partir das 00:00 horas. 

Desde este sindicato reivindican con este paro, entre outros puntos, os dereitos dos facultativos e solicitan realizar xornadas laborais de 35 horas semanais; o aumento de prezo das horas de garda, diferenciando os días laborais dos festivos; optar a días libres en véspera de festivo e a Xeneralización do Complemento Específico: a igual traballo, igual salario.

Ademais tamén requiren organizar citas de 25 a 30 pacientes cunha duración de dez minutos; limitar a telemedicina e promover a presencialidade asi como a retribución das Urxencias Extrahospitalarias de 24 horas sexa similar ás Hospitalarias, entre outras peticións.

PontevedraViva acudiu ao Centro de Saúde Virxe da Peregrina e ao Hospital Provincial de Pontevedra e os pacientes recoñecían que non lles afectaba na súa cita médica esta situación de folga, que se estaba a desenvolver a xornada con normalidade. "Hoy fue puntual, no sé cómo será mañana", aclaraba un dos pacientes. As persoas que saíron dos centros sanitarios expuxeron que a súa cita se mantivera de maneira puntual ou cun atraso de escasos minutos. Suspendéronse quirófanos no Hospital Provincial e en Montecelo, segundo indica o CESM, que tamén recoñece que a folga ten máis repercusión noutras áreas sanitarias.

Ante esta situación de folga a Xunta estableceu uns servizos mínimos coa cobertura do 100% da atención urxente, nos hospitais e nos puntos de atención continuada (PAC). Tamén decretou que debe haber persoal para cubrir as horas de garda nos quirófanos para atender cuestións urxentes e nas salas de parto. 

Dentro dos servizos mínimos tamén están incluídas nos servizos mínimos as unidades de reanimación, os coidados intensivos, os de diálises e os de oncoloxía. En canto ás áreas de hospitalización, cubriríase a atención urxente dos pacientes. 

Dependendo do número de facultativos de cada centro médico ten que haber un mínimo deles. Se hai catro ou menos debe esta un efectivo; se son entre cinco e oito, terían que estar dous; entre nove e doce profesionais teñen que contar con tres e, no caso de que haxa máis médicos, son necesarios catro facultativos.

Confederación Estatal de Médicos (CESM) comunica que esta folga finalizará cando a Xunta acceda a negociar co obxectivo de chegar a un acordo que cubra as súas solicitudes

En Vigo, no Hospital Álvaro Cunqueiro, realizaron unha concentración ás portas do centro para reivindicar as melloras que os levaron ao paro.

Esta mesma tarde, o sindicato promotor do paro comunicaba os datos de seguimento da folga. A área de Pontevedra e O Salnés foi das que menor participación tivo cun 35% de seguimento. Uns datos que contrastan co seguimento en hospitais de referencia como o Álvaro Cunqueiro, o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense ou o Lucus Augusti de Lugo. A área sanitaria na que houbo maior participación foi a de Vigo, na que se alcanzou un 75 %.

Desde CEMS Galicia cualifican de "histórico o seguimento desta folga entre os facultativos galegos, agradece a participación de todos os que secundaron o paro, e anima ao resto de facultativos e MIR que poidan secundar a folga a que o fagan, porque ‘todos xuntos, somos máis fortes".