Portas lembra a Concepción Pérez Iglesias, primeira alcaldesa galega

Umia
25 de setembro 2024

En 2025 conmemórase o centenario da súa toma de posesión do cargo como alcaldesa de Portas. Coñecida cariñosamente como "Dona Concha", esta mestra e política galega chegou a Portas en 1907 para exercer na escola feminina do municipio

María Concepción Pérez Iglesias no centro da fotografía Concello de Portas

O Concello de Portas lembra nas súas redes sociais a figura de María de la Concepción Pérez Iglesias, considerada a primeira muller en ocupar o cargo de alcaldesaen Galicia e unha das pioneiras en España.

En 2025 conmemórase o centenario da súa toma de posesión do cargo como alcaldesa de Portas.

Nacida en Santiago de Compostela o 12 de decembro de 1881, Pérez Iglesias exerceu como rexedora do municipio pontevedrés entre 1925 e 1930.

Coñecida cariñosamente como "Dona Concha", esta mestra e política galega chegou a Portas en 1907 para exercer na escola feminina do municipio.

O seu nomeamento como alcaldesa produciuse o 9 de xaneiro de 1925, cando foi elixida pola corporación municipal con seis votos a favor e un en branco, tras a renuncia do anterior rexedor.

O primeiro problema a que tivo que enfrontarse a Alcaldesa foi o nomeamento de médico titular, a apertura dos camiños de Portas a Vilavedra de Romai e do camiño que conduce de Briallos a Portas.

A súa carreira política coincidiu coa ditadura de Primo de Rivera.

En 1930, Pérez Iglesias viaxou a Madrid para presentar os seus respectos aos monarcas na homenaxe a Alfonso XIII e á raíña María Victoria, cando recuperaron o poder.

Tras o seu cesamento como alcaldesa, Concepción Pérez continuou a súa labor docente, trasladándose finalmente á Escola Nacional de Guadalupe en Santiago.

Faleceu en decembro de 1939 na súa casa de Lantaño, aos 58 anos, deixando un legado como pioneira na política local galega.

O Concello de Portas destaca a importancia de Concepción Pérez Iglesias non só como figura histórica local, senón tamén como referente para a participación das mulleres na política galega e española do século XX.