Portas celebra con éxito de participación o "Xantar da Terceira Idade"

Umia
12 de outubro 2022

O alcalde Ricardo Martínez e a concelleira Chus Fontán agradeceron a numerosa asistencia de participantes e enxalzaron o labor dos nosos maiores

XXIX Xantar da Terceira Idade Concello de Portas

O Concello de Portas celebrou con gran éxito de participación o "XXIX Xantar da Terceira Idade" celebrado este mediodía no pavillón municipal de deportes e que contou coa presenza do alcalde, Ricardo Martínez, o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria da Xunta, Antón Acevedo e os rexedores de Moraña, José Cela, e Meis, Marta Giráldez.

En torno ao mediodía a Banda de Música de Lantaño foi a encargada de abrir o evento e de ir entretendo ás persoas que ían chegando para asistir á misa de campaña oficiada polo cura párroco.

Posteriormente, celebrouse o xantar no pavillón municipal de deportes, habilitado e especialmente decorado para a ocasión.

A concelleira Chus Fontán e o alcalde, Ricardo Martínez, foron os encargados de darlle a benvida oficial aos comensais e agradecerlles a súa persenza neste acto de confraternidade e reencontro veciñal que se afianza como un dos eventos máis entrañables polo concurrido que resulta e pola participación de residentes en todas e cada unha das catro parroquias que compoñen o municipio.

A sobremesa completouse cunha gran queimada realizada por Ramón e a animación musical a cargo de Antonio Barros, cantante que triunfa no programa “Luar” da Televisión de Galicia.