O Hospital Montecelo de Pontevedra acolleu este xoves 13 de marzo unha xornada de portas abertas para futuros residentes sanitarios, na que participaron preto dun cento de profesionais interesados en formarse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
A xornada, organizada polas unidades docentes de Atención Hospitalaria e a Multiprofesional de Familiar e Comunitaria, rexistrou un incremento do 30% nas inscricións respecto á edición de 2024, o que reflicte o crecente interese pola oferta formativa da área, segundo indican desde a xerencia.
Entre as especialidades que espertaron maior interese destaca Farmacia Hospitalaria, con 8 inscricións na primeira quenda e 4 na segunda. Tamén é subliñable o caso de Cardioloxía e Microbioloxía, ambas con 8 futuros residentes interesados.
A especialidade máis solicitada foi Medicina Familiar e Comunitaria, con 18 persoas inscritas, feito que tamén se explica por ser a disciplina que ofrece maior número de prazas na convocatoria actual, cun total de 23.
No acto de benvida participaron a directora asistencial da área sanitaria, Yolanda Sanduende Otero; o xefe de estudos e presidente da Comisión de Docencia de Atención Hospitalaria, Luis Anibarro García; e a presidenta da Subcomisión da Unidade Docente Multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria, María Teresa Villanueva Gesteira.

Como novidade nesta edición, o intercambio de experiencias entre os futuros residentes, titores e actuais residentes desenvolveuse nun formato de charla-café no vestíbulo do salón de actos, coas distintas especialidades distribuídas por zonas, o que favoreceu un ambiente máis próximo e distendido.
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés oferta un total de 63 prazas de formación sanitaria especializada para a convocatoria 2024-2025, dirixidas a titulados en Medicina, Farmacia, Enfermería e no ámbito da Psicoloxía, Química e Bioloxía.
Entre as novidades desta convocatoria destaca tamén a incorporación dunha praza na especialidade médica de Pneumoloxía, tras a acreditación docente obtida polo servizo a comezos deste ano.
Segundo informou o Ministerio de Sanidade, os actos de adxudicación de prazas realizaranse previsiblemente despois de Semana Santa, o que supón un atraso de case dúas semanas en comparación co proceso do ano anterior, que comezou o 1 de abril, segundo o Sergas.