Portal da Investigación, o sitio web de referencia para acceder á actividade de I+D+i da Universidade de Vigo

Pontevedra
27 de marzo 2023

O Portal da Investigación da UVigo é o sistema de información que reúne a produción científica xerada polo persoal docente e investigador universitario e xorde co obxectivo de difundir, dar visibilidade e transferir á sociedade os resultados das actividades de investigación da institución académica

Gerardo Marraud, Sonsoles Pousa, Manuel Reigosa e Belén Rubio durante a presentación do Portal da Investigación Uvigo

A investigación configúrase na Universidade de Vigo (UVigo) como o fundamento da docencia e como o medio para o desenvolvemento científico e cultural da sociedade. Deste xeito, promove como un dos obxectivos esenciais da súa actividade a formación de persoal investigador e o fomento e coordinación da investigación científica, técnica, humanística e artística.

Para cumprir este obxectivo, creouse o Portal da Investigación, un servizo web que reúne a produción científica da Universidade de Vigo e proporciona visibilidade e transparencia á actividade investigadora da institución.

A través dun único sitio web, poderase explorar a súa estrutura da I+D+i, localizar especialistas e acceder aos resultados de toda a actividade científica e de transferencia da institución académica.

O proxecto presentouse no mes de xaneiro dun xeito simultáneo, presencial na sala 1 do edificio Miralles e virtual a través de Campus Remoto. Neste acto estiveron presentes o reitor, Manuel Reigosa; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio; o director da Biblioteca Universitaria, Gerardo Marraud; e a xefa da Área de Servizos Bibliométricos, Sonsoles Pousa

"Esta é unha ferramenta que vai ser moi útil a nivel interno, para identificar plenamente cada un dos investigadores, grupos, pero tamén externamente, tanto para atopar socios de maneira moito máis doada, como para facer visible o que somos e o que facemos", explicaba Manuel Reigosa. Neste sentido, apuntaba que a Universidade de Vigo "está dentro do 5 % das mellores universidades do mundo e que vai camiño de situarse entre as 500 mellores", á vez que avanzaba un paulatino incremento da partida de produción científica, que xa conta cunha suba dun 10 % este ano.

O novo portal está impulsado desde a Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación coa colaboración da Fundación Dialnet e a axuda da Biblioteca Universitaria e dos servizos informáticos. "É un portal personalizado ao aspecto da institución, que permite mostrar ao exterior a produción do persoal investigador, o escaparate cara ao exterior da investigación e transferencia da UVigo", destacaba a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, ao tempo que fixo fincapé en que Dialnet se actualiza de maneira automática e recolle as publicacións de distintas fontes de datos, o que facilita que o persoal investigador non teña que estar introducindo os datos continuamente. 

 

ESTRUTURA DO PORTAL DA INVESTIGACIÓN

Tal e como explicou a xefa da Área de Servizos Bibliométricos, Sonsoles Pousa, o portal está vertebrado en tres grandes apartados: grupos, investigadores/as e resultados. Ademais, hai dispoñible unha caixa de busca para localizar por título a produción científica da Universidade. A maiores, na portada, preséntanse cifras globais que tratan de facer un resumo do contido do portal e que rexistran o número de investigadores/as, grupos, publicacións, teses e toda unha serie de enlaces de interese (biblioteca, guía de axuda, dúbidas frecuentes...).

O portal está estruturado en tres grandes apartados: grupos, investigadores/as e resultados

O Portal da investigación permite:

  • Explorar a estrutura de I+D+I
  • Consultar a produción científica do persoal investigador da Universidade de Vigo e os indicadores bibliométricos a nivel individual e por unidades, así como os resultados globais da Universidade
  • Localizar ao persoal investigador e amosar o seu perfil profesional
  • Dispoñer de publicacións actualizadas periodicamente procedentes de diversas fontes (Scopus, Dialnet, Invenes)
  • Completar a produción científica do persoal investigador e dos grupos

 

GRUPOS

Este apartado reúne información sobre a actividade investigadora dos grupos de investigación.

Para buscar un grupo de investigación podemos introducir o nome do grupo na caixa de busca ou navegar a través dos departamentos, centros de investigación ou campus.

De cada grupo ofrécese a seguinte información:

  • Detalle: data de constitución do grupo, responsable, centro, departamento, investigadores que forman parte...
  • Liñas de investigación
  • Oferta científica
  • Publicacións nas que participa algún membro do grupo
  • Colaboración: persoal investigador e centros de investigación cos que colaboran os membros do grupo
  • Teses dirixidas por algún membro do grupo
  • Patentes de investigación
  • Indicadores bibliométricos globais correspondentes á produción científica do grupo que permiten avaliar a calidade das publicacións

 

INVESTIGADORES/AS

Neste apartado podemos localizar o persoal investigador da Universidade de Vigo, ben introducindo o nome, apelidos ou nome e apelidos na caixa de busca ou ben a través dos centros de investigación, campus, centros, departamentos, campus e áreas de coñecemento, que amosará o persoal investigador adscrito a estas unidades ou campus.

Nas unidades e campus visualízase a seguinte información: persoal investigador membro da unidade/campus, grupos de investigación, publicacións, colaboradores, teses defendidas e dirixidas, patentes e indicadores.

Para cada investigador/a proporciónase: perfil, publicacións, colaboración, teses, patentes e indicadores bibliométricos

Para cada investigador/a proporciónase: perfil, publicacións, colaboración, teses (propia e dirixidas ou tribunais de teses nos que participou), patentes e indicadores (bibliométricos e coas citas recibidas).

No perfil facilítase diversa información como a categoría profesional, departamento, grupo de investigación, tese…, e ligazóns aos seus diferentes perfis académicos e identificadores.

O persoal investigador pode incluír e/ou modificar algúns dos datos persoais que aparecen no portal. Para iso, ten que acceder ao seu perfil premendo na opción "Identíficate", que se atopa na parte superior dereita do portal.

Actualmente inclúese no portal diversos perfís de persoal investigador da Universidade de Vigo:

  • Persoal do corpo docente universitario
  • Profesorado na categoría de axudantes doutores
  • Profesorado contratado doutor
  • Profesorado emérito
  • Persoal investigador posdoutoral
  • Investigadores distinguidos

 

RESULTADOS

Este apartado amosa os resultados globais da Universidade de Vigo, e conta coas seguintes seccións:

  • Publicacións: recolle a produción científica amosando o total de publicacións por tipo (artigos, libros, capítulos...) e por anos
  • Acceso aberto: reúne as publicacións e teses nas que participa persoal investigador da Uvigo
  • Teses: pódense consultar por departamento e ano
  • Colaboración: centros cos que colabora a Universidade e número de publicacións
  • Patentes: permite consultar as patentes de investigadores/as da Universidade de Vigo rexistradas en España, así como ver os detalles das patentes e enlazar coa Oficina Española de Patentes e Marcas
  • Indicadores globais: recolle o número total de citas recibidas en Scopus, Web of Science e Dialnet Métricas. Tamén se amosan graficamente os indicadores globais correspondentes a Journal Citation Reports, SCImago Journal Rank, Índice Dialnet de Revistas e Clasificación Integrada de Revistas Científicas

 

Arquivado en