Por que seguen pechadas as ruínas de San Domingos?

Pontevedra
12 de decembro 2015

Carlos Vale e Xosé Leal explicaron que a intervención prevista para os traballos de rehabilitación e consolidación do conxunto está terminada, pero o equipo encargado de facela "detectou problemas de inestabilidade", de modo que se fai necesaria unha segunda intervención para poder abrir a contorna "con plenas garantías" de seguridade  

Carlos Valle visita as ruínas de San Domingos Mónica Patxot

As ruínas de San Domingos pecharon en agosto de 2013 tras sufrir unha serie de desprendementos. Tras iso, e con autorización da Dirección Xeral de Patrimonio, a Deputación Provincial de Pontevedra realizou unha serie de traballos de rehabilitación e consolidación do conxunto. As tarefas terminaron o pasado verán, pero o monumento situado entre a avenida de Montero Ríos e a rúa Riestra, segue pechado. Por que? O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, e o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, desvelaron a resposta: por motivos de seguridade

Carlos Valle e Xosé Leal explicaron este venres que a intervención prevista está terminada, pero o equipo encargado de facela "detectou problemas de inestabilidade", de modo que se fai necesaria unha segunda intervención para poder abrir a contorna "con plenas garantías" de seguridade. 

A actuación está agora en mans da Dirección Xeral de Patrimonio, de modo que, ata que chegue a preceptiva autorización, non pode fixarse a data para o inicio dos traballos. A intención da Deputación é poder empezar a executar as obras para o próximo verán, pero non poden concretar ningún prazo

De todos os xeitos, Carlos Valle quixo matizar que en anos anteriores as ruínas xa adoitaban estar pechadas no outono e inverno, de modo que nesta época posiblemente estivesen pechadas ao público igualmente. 

É o edificio máis antigo de todos os que forman parte do noso MuseoConsérvase unicamente a cabeceira, de cinco ábsidas, excepcional no gótico galego, e parte do muro sur da igrexa e a entrada ao capítulo do convento de San Domingos, fundado ao redor de 1282, aínda que as obras do templo actualmente conservado non se iniciaron ata 1383, continuando ao longo do século XV. Segundo explicou Valle, na zona na que na actualidade está a reixa había un muro cuxos restos foron trasladados a outra zona. Aí estaría o motivo desa falta de seguridade.