Por fin a Deputación celebra un pleno "normal": aburrido e con agasallos

Pontevedra
28 de decembro 2017

Os votos dos 14 membros do goberno provincial conformado polo Partido Socialista e o BNG permitiron aprobar de maneira definitiva o orzamento da Deputación de Pontevedra para 2017 que supera os 152 millóns "sen ningún céntimo de libre disposición". Os doce deputados do Partido Popular votaron en contra do orzamento e o representante de Son Marea abstívose. As alegacións presentadas polo Partido Popular foron rexeitadas  

Pleno da Deputación de Pontevedra Mónica Patxot

Lonxe da tensión que desde hai ano e medio vívese en cada un dos plenos da Deputación, este mércores viviuse unha sesión plenaria "normal" no Pazo Provincial e iso é noticia. Sen tensións, protestas ou insultos, só un aburrido debate político e mesmo con agasallos de Nadal.

Os votos dos 14 membros do goberno provincial conformado polo Partido Socialista e o BNG permitiron aprobar de maneira definitiva o orzamento da Deputación de Pontevedra para 2017 que supera os 152 millóns "sen ningún céntimo de libre disposición". Os doce deputados do Partido Popular votaron en contra do orzamento e o representante de Son Marea abstívose. 

As alegacións presentadas polo Partido Popular foron rexeitadas.

As emendas do PP pretendían introducir nas bases de execución dos orzamentos a "obrigatoriedade" de que a presidenta, Carmela Silva, se reuna cos alcaldes para falar dos fondos que se destinan a cada municipio, o "desbloqueo de obras que estaban en marcha" en distintos concellos durante o goberno presidido por Rafael Louzán e que quedaron "paralizadas" coa chegada do bipartito e que se destinen 10 millóns de euros a plans de emprego e outros 5 máis para bolsas.

Unha vez aprobado o documento nos termos nos que foi deseñado polo Partido Socialista e o Bloque o delegado de Comisións Obreiras na Deputación, José Ramón Piñeiro, anunciou que o seu sindicato estudará recorrer o orzamento ante o xulgado do Contencioso Administrativo porque "non se negociou cos traballadores nin se respectaron o tempo que marca a lei para o seu estudo", xustificou.

As contas provinciais para o próximo exercicio, segundo defendeu o deputado Carlos López Font, destinan aos concellos o 85% dos recursos dispoñibles e aumentan os fondos para os concellos máis pequenos.

As principais críticas dos populares, segundo o seu portavoz Nidia Arévalo, incidiron na  "falta de concreción, contido e propostas" dunhas contas que cualifican de "pouco transparentes" nas que "se volven a esquecer dos concellos" polo que cualificaron ao orzamento de "chapuza" e "inocentada". Apuntando que a diferenza do anterior goberno presidido por Rafael Louzán no que "había unha dirección clara" agora o bipartito "non ten proxecto".

O deputado socialista, Carlos López Font, reprochou aos populares a carencia de proxecto alternativo, "só pretenden facer ruído e descualificar", e asegurou que as emendas do PP "parecen unha carta aos Reis Meigos" e criticou que "el PP tiene miedo porque sabe que somos un gobierno que tiene proyecto para esta provincia. Han perdido el paso".

Pola súa banda, o vicepresidente e portavoz do BNG, César Mosquera, sinalou ao PP que as súas propostas aumentarían o orzamento en 57 millóns de euros polo que lles cominou a que explican de que outras partidas se detrae ese diñeiro. Finalmente pediu "un pouquiño de espírito do Nadal, que nos ven ben a todos. Non nos vaiamos do Pleno con mala uva". Para contribuír a estes bos desexos os deputados nacionalistas Eva Vilaverde e Xosé Leal repartiron agasallos para cada un dos deputados, un exemplar do libro "Elexía a Lola", de Xohana Torres.

Os deputados provinciais do PP de Pontevedra advertiron no Pleno que as contas do orzamento para 2017 non cadraban, e que o goberno provincial estaba a falar de "números inventados" que non aparecían no documento entregado. Como proba esgrimiron catro informes de diferentes servizos de Deputación que lle dan a razón ao PP. Con todo o vicepresidente Mosquera restou importancia a estas correccións que se fixeron ao orzamento e anunciou que xa foron emendadas.

PLAN CONCELLOS

Igualmente aprobouse Plan Concellos nos termos nos que foi presentado polo goberno, é dicir, foi rexeitada a petición do Partido Popular para que se destine aos concellos vinte millóns máis dos 41,5 previstos neste plan.