Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG, visitaba Pontevedra este xoves e mantiña un encontro cos responsables da formación nacionalista na cidade, con Miguel Anxo Fernández Lores á cabeza, para analizar as medidas adoptadas na cidade contra o cambio climático.
A máxima representante nacionalista sinalou que Pontevedra "vai por diante neste ámbito" e destacou o "cambio de modelo que se basea na recuperación do espazo público para as persoas". Nomeou o equipo liderado por Lores durante os últimos anos como o responsable de poñer o municipio na "vangarda da loita contra o cambio climático".
Argumentou, ademais, que os resultados se reflicten nunha calidade ambiental moi boa durante todo o ano, redución do volume de tráfico e mellora da calidade de vida da cidadanía. Tamén expuxo que Pontevedra leva os últimos once anos sen accidentes mortais de circulación viaria. Datos que confrontou co resto de cidades galegas, ás que acusou de "non estar facendo ben os deberes" porque non puxeran en marcha medidas neste sentido durante os últimos anos.
Pontón fixo referencia á que o modelo establecido polo Goberno central sobre baixas emisións, para axustarse ás indicacións da Unión Europea, non é o desexado polos nacionalistas porque entenden que se basea en cidades como Madrid ou Barcelona sen atender á "realidade do noso país" ao non pensar en conxunto a mobilidade das cidades. E explicou que as zonas de baixas emisións non solucionarán os problemas de contaminación, ruído, autonomía de escolares ou mobilidade nas cidades galegas.
Lembrou que o goberno establece un sistema que obriga os condutores a pagar por circular en zonas de baixas emisións ou, en todo caso, a cambiar os vehículos por outros menos contaminantes, que resultan moi caros. "Vai introducirse unha discriminación económica", engadiu a máxima responsable nacionalista.
Por este motivo, Ana Pontón defendeu o modelo establecido polo BNG en Pontevedra ao consideralo "máis xusto" e mostrou o seu interese en que se estenda ao resto de cidades de Galicia para mellorar a calidade de vida, reducir a contaminación e garantir o dereito ao espazo público "que debe ser igual para calquera cidadá sexa cal sexa a súa idade e a súa condición económica".
Referiuse a este modelo como unha mostra de que "o nacionalismo ten políticas innovadoras creando cidades máis humanas e con máis dinamismo". E nesta liña destacou o labor de Miguel Anxo Fernández Lores a quen ve "mellor que nunca e con máis ánimo que hai catro anos, con máis ilusión por Pontevedra, por seguir facéndoa referente en moitos ámbitos".
Pola súa banda, o alcalde da capital admitiu que o goberno local leva vinte anos adoptando decisións respecto ao espazo público, eliminado as emisións grazas á "restrición drástica de tráficos". Lembrou tamén que un informe de Ecoloxistas en Acción mostra que Pontevedra é a única cidade de Galicia que cumpre cos parámetros da Organización Mundial da Saúdesobre ozono troposférico grazas á redución de presenza de vehículos de motor.