Pontevedra xuntará "mulleres imparables" no ámbito do emprendemento

Pontevedra
06 de outubro 2016

O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acollerá o vindeiro 22 de outubro o terceiro encontro nacional da rede profesional #MujeresImparables, que persegue a visibilización da muller emprendedora. Está organizada polo servizo de Igualdade da Deputación

Cartel do encontro #MujeresImparables en Pontevedra Deputación de Pontevedra

O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acollerá o vindeiro 22 de outubro o terceiro encontro nacional da rede profesional #MujeresImparables, que persegue a visibilización da muller emprendedora. Está organizada polo servizo de Igualdade da Deputación.

Este encontro será, segundo avanzou Carmela Silva, un evento "moi fresco e dinámico", que aposta polo networking e polas conferencias curtas nas que mulleres emprendedoras de relevancia nacional, así como mulleres galegas con iniciativas profesionais interesantes e innovadoras falarán das súas experiencias "e así poderlles dar visibilidade aos seus traballos".

A xornada, que se desenvolverá dende as 9:30 horas ata arredor das 20:30 horas, aposta polas conferencias dinámicas e breves impartidas por mulleres procedentes de eidos moi diversos.

Así, participará a directora da Área de Centros da Axencia de Innovación da Xunta de Galicia, Sonia Pazos, a comunicadora e actriz Nieves Rodríguez, a coach profesional Patricia Rodríguez, a xornalista e asesora en comunicación Carla Reyes ou a xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, Encarna Lago.

Tamén haberá diversos obradoiros nos que as asistentes, por grupos, deberán idear un proxecto de empresa ou reconstruír a historia dunha muller "imparable" e emprendedora. Estas actividades, como sinalou unha das impulsoras en Galicia do proxecto, Vanesa Míguez, "van potenciar a súa creatividade" e establecer sinerxías entre as iniciativas.

As persoas interesadas en asistir a este evento, que ten unha capacidade para arredor de 80 prazas, deberán preinscribirse enchendo un formulario dende a páxina web da Deputación. Tras facelo, recibirán un correo electrónico no que se lles indicará o número de conta no que terán que facer o ingreso dos 25 euros que custa a asistencia a esta quenda.

A inscrición esta aberta ata o vindeiro 20 de outubro.