Pontevedra xa embotella auga da traída para repartir nos actos municipais

Pontevedra
19 de xuño 2019

"Auga da billa, auga de confianza". É o reclamo co que se presentan as botellas de auga que Pontevedra encherá con auga potable da traída municipal. A estrea, polo menos publicamente, deste produto produciuse na sesión de investidura do sábado e no pleno da corporación deste mércores

Botella de auga da traída de Pontevedra Mónica Patxot

"Auga da billa, auga de confianza". É o reclamo co que se presentan as botellas de auga que Pontevedra encherá con auga potable da traída municipal. A estrea, polo menos publicamente, deste produto produciuse na sesión de investidura do sábado e no pleno da corporación deste mércores.

O obxectivo, trazado polo Concello de Pontevedra e Viaqua, empresa que xestiona o servizo de abastecemento de auga no municipio, é reducir o gasto que se facía en botellas de auga mineral e aproveitar a alta calidade da auga que chega da traída municipal.

Viaqua puxo en marcha unha planta embotelladora para producir esta auga envasada que, segundo explican desde o Concello, servirá para abastecer ás dependencias municipais.

Ademais, os plans iniciais pasan por repartilas en actos oficiais e eventos deportivos, entre outros lugares.

Este proxecto para embotellar auga da traída non ten custo algún para o Concello, xa que forma parte da oferta que presentou Viaqua para facerse co contrato do servizo de abastecemento de auga e saneamento, adxudicado polo próximos vinte anos.