Pontevedra volverá ser "punto de encontro" para converter as Urbtopías en cidades posibles

Pontevedra
06 de outubro 2021

O Concello presenta a segunda edición de Urbtopías, que organizará catro palestras con referentes internacionais sobre deseño urbano e modelos de transformación para a cidade os días 13, 18, 21 e 27 de outubro. Estarán, entre outros, o arquitecto David Chipperfield e Joan Clos, ex director executivo de ONU Hábitat 

César Mosquera, Miguel Anxo Fernández Lores e Anabel Gulías presentan a segunda edición de Urbtopías Mónica Patxot

"En Pontevedra queremos ser punto de encontro para reflexionar e debater sobre o futuro dos espazos que habitamos e converter as nosas Urbtopias en cidades posibles". Con esta carta de presentación, chega á cidade a segunda edición do programa Urbtopías, que organizará catro palestras con referentes internacionais sobre deseño urbano e modelos de transformación para a cidade os días 13, 18, 21 e 27 de outubro. 

A concelleira de Promoción Cidadá, Anabel Gulías; o vicepresidente da Deputación, César Mosquera; e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, presentaron o programa este mércores na Praza do Concello diante dunha peza de arquitectura efémera que, segundo a concelleira, "representa a filosofía deste programa", que o Concello de Pontevedra organiza coa colaboración "necesaria e imprescindible" da Deputación.

Así, Gulías explicou que a cidade en construción e o debate sobre a construción das cidades "é algo que cada vez está mais presente" e a simboloxía dunha estada e de materiais de obras desta peza de arte efémero simbolizan todo aquilo que se utiliza para facer as grandes e pequenas reformas de Pontevedra e "queren exemplificar que hai un traballo feito tanto por enriba como por debaixo que é necesario para facer que as cidades funcionen". 

Ese é, en palabras de Gulías, o obxectivo de Urbtopías, "converterse nun foro de debate para que as cidades funcionen, ou funcionen mellor do que o fan" porque "se facemos cidades mellores, faremos sociedades mellores". 

Para facelo realidade, deseñaron, segundo Gulías, "un dos programas máis importantes non só a nivel galego, senón a nivel do Estado español e internacional". Polo Edificio Castelao do Museo de Pontevedra e con entrada libre pasarán David Chipperfield, arquitecto e presidente da Fundación Ría; ou Joan Clos, ex director executivo de ONU Hábitat e Presidente de AGORA, The new urban conversation.

É un programa, en palabras de Lores, "excepcional" que supón un paso máis na liña do proxecto de ordenación urbana e concepción da cidade que o Concello leva poñendo en marcha 22 anos para "poñer a Pontevedra no mapa". "Humildemente, creo que o conseguimos", recoñeceu Lores, que insistiu en que cada vez chegan máis solicitudes de distintas partes do mundo para "saber que fixemos estes 22 anos". 

César Mosquera confirmou esta afirmación, pois deu a coñecer que acaba de chegar un convite para falar sobre Pontevedra en Costa Rica. Ademais, insistiu en que Pontevedra é un exemplo de modelo urbano que "transcendeu fronteiras" baseándose en dúas ideas principais, "coñecemento e humildade".

Coñecemento porque levar adiante un modelo de Pontevedra ten unha "complexidade técnica", que implicou un enorme coñecemento de como funcionan as cidades. Humildade porque o Concello nunca deixou de preguntarse que está a pasar no mundo, que se está a elaborar, ver novas ideas e solucións. "Hai que estar continuamente cuestionándose, seguindo as novidades. Queremos estar sempre recomendo ideas e adaptalas á nosa realidade", sinalou o vicepresidente provincial.  

A primeira palestra, prevista para o mércores 13 de outubro ás 19.00 horas será "Rexenerar o Urbano. Espazos culturais como elementos de cohesión" e contará con David Chipperfield; e Ana Tomé, directora xerente da Fundación Museo Reina Sofía de Madrid. Estará moderada por Alejandro Espiño, xornalista de PontevedraViva

A segunda actividade será o luns 18, "Recrear o espazo público. A Cultura como estratexia". Participarán Ana Luisa Amaral, escritora e premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana; Manuel Vilas, escritor e finalista do premio Planeta; e Ramón Rozas, xornalista cultural de Diario de Pontevedra. Moderará Pilar García Rego, xornalista na Televisión de Galicia.

O xoves 21 de outubro será a quenda de "Recompoñer a formula urbana. A incidencia do espazo público", con Francisco Mangado, arquitecto e impulsor da Fundación Arquitectura y Sociedad; Joan Clos; e Fernández Lores. A moderadora será Ana Pardo de Vera, directora corporativa do diario Público

O ciclo rematará o 27 de outubro con "Repensar o espazo urbano. Novas formas de habitar a cidade". Participarán Teresa Táboas, ex conselleira, arquitecta e membro do Consello de Unión Internacional de Arquitectos; e Ramón Marrades, economista urbano e director de Placemaking Europe. A moderadora será Susana Regueira, xornalista de Faro de Vigo