Pontevedra volve saír á rúa para pedir que a desaparición de Sonia Iglesias non se esqueza

Pontevedra
22 de agosto 2014

A familia Iglesias Eirín convocou para este venres ás 21.30 horas na praza da Ferrería unha concentración baixo o lema 'Catro anos sen Sonia'. A continuación haberá unha manifestación pola Peregrina, Joaquín Costa, Branco Porto e Benito Corbal

Manifestación polo segundo aniversario da desaparición de Sonia Iglesias

Ás 21.30 horas deste venres a familia, os amigos e os ex compañeiros de traballo de Sonia Iglesias Eirín na tenda de roupa Massimo Dutti fan un chamamento a todos os cidadáns a participar na manifestación convocada con motivo do cumprimento dos catro anos da desaparición da moza pontevedresa o 18 de agosto de 2010.

A convocatoria, que se fai baixo o lema 'Cuatro años sin Sonia', será na praza da Ferrería e, dende alí, se percorrerán a praza da Peregrina e as rúas de Joaquín Costa, Branco Porto e Benito Corbal, para rematar de novo no punto de partida, onde se lerá un manifesto.

A manifestación busca que non caia no esquecemento que Sonia Iglesias leva catro anos en paradoiro descoñecido. Dende o 18 de agosto de 2010, cando debía incorporarse ao seu traballo despois das súas vacacións de verán e nunca chegou. As últimas noticias que se teñen dela é que esa mañá almorzou nunha cafetaría do Campo da Torre en compañía da súa entón parella, Julio Araújo, logo ambos os dous acudiron a un zapateiro da rúa José Malvar para deixar a arranxar dous pares de zapatos e víuselle por última vez paseando pola rúa Oliva. Dese día cumpríronse xa esta semana catro anos.

Chega este cuarto aniversario sen noticias e co caso ao bordo do arquivo, despois de que o Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra determinase o arquivo provisional da causa. Tanto a Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra coma a familia da pontevedresa recorreron esa decisión e piden que se practiquen novas dilixencias, someter o que ata agora era único imputado, Julio Araújo, a unha proba neurolóxica, o coñecido como 'test da verdade'.

Neste cuarto aniversario a familia de Sonia Iglesias perdeu practicamente a esperanza de que apareza con vida e, de feito, xa decidiron que empezarán os trámites para iniciar a declaración de ausencia da desaparecida. Tamén barallan pedir a custodia do fillo de Sonia, que tiña 9 anos cando se perdeu o rastro da súa nai, de 38 anos.

A familia sostén que Julio Araújo, que ten a custodia do menor, non é a persoa axeitada para criale e educalo. Ademais, asegura que no momento da desaparición a parella tiña malas relacións, estaba en trámites de separación e Sonia Iglesias mesmo tiña data para romper a convivencia e empezara unha relación incipiente. Este extremo non puido ser verificado ao 100% polos investigadores e Julio Araújo négao.

Julio Araújo foi ata agora o único imputado por este caso, pero o arquivo provisional das dilixencias supón, polo tanto, que deixe de estar imputado. Para os efectos da investigación, foi a última persoa en vela antes da súa ausencia, pero a xuíza especializada en Violencia sobre a Muller non encontra probas que confirmen a súa implicación na súa desaparición.

Arquivado en