Pontevedra volve converterse no centro do gourmet galego e confirma que "hai Etiqueta Negra para longo"

Pontevedra
11 de novembro 2023

A feira abriu as súas portas ás 11 da mañá deste sábado e, desde ese momento, o público entrou de forma continua. Dúas horas despois, á unha do mediodía, cando se produciu a inauguración oficial, xa se confirmaba que esta feira é xa  unha cita consolidada no calendario da gastronomía pontevedresa

Inauguración da sétima edición de Etiqueta Negra

"Hai Etiqueta Negra para longo". Así o augurou este sábado a concelleira de Promoción Económica de Pontevedra, Anabel Gulías, no recinto feiral con motivo da inauguración da sétima edición desta feira do gourmet galego.

A feira abriu as súas portas ás 11 da mañá deste sábado e, desde ese momento, o público entrou de forma continua. Dúas horas despois, á unha do mediodía, cando se produciu a inauguración oficial, xa se confirmaba que esta feira é xa  unha cita consolidada no calendario da gastronomía pontevedresa e Gulías augura para ela un longo futuro. 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, pechou o acto oficial con estas mesmas boas vibracións, augurando un "futuro esplendoroso", despois de recoñecer que está "orgulloso de que Pontevedra sexa durante estes tres días o centro do gourmet galego".

Esta sétima edición conta coa participación de 80 expositores dos que Lores destacou que representan "a potencia dun rural produtivo, da calidade excepcional dos produtos primarios, da innovación e do traballo". 

Nesta mesma liña, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, destacou que "hoxe Pontevedra é o epicentro da calidade alimentaria" e tamén insistiu en que o feito de que se celebre xa a sétima edición da feira supón que se "consolidou" como un éxito. 

Este é o primeiro ano que a Xunta de Galicia apoia esta iniciativa despois de comprobar o ano pasado o seu bo funcionamento e Cabarcos xa avanzou que "queremos seguir apoiando".

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, destacou que el xa estivo, como concelleiro do PP, na primeira edición desta feira e puido ver o "crecemento exponencial" dunha iniciativa que "xa ten marca propia e non pode estar noutra cidade que non sexa Pontevedra".

Tamén no Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza quixeron amosar o seu apoio a esta cita. O seu director, Manuel Hermo, sinalou que é a sétima edición na que colaboran, pois estiveron presentes desde o principio, e "Etiqueta Negra forma parte xa do noso plan de estudos".

A feira ten programación durante tres días, entre este sábado e o luns 13, esta última xornada máis pensada para o público profesional. Dela destacou Lores que é a que máis lle gusta porque "hai unha interrelación entre produtores, expositores, tendas gourmet" e recibe a visita dun millar de alumnos e alumnas de toda Galicia, entre eles os do Carlos Oroza.

Durante a fin de semana, Lores destacou o seu potencial como atractivo turístico, pois "permite facer turismo de proximidade" e, ademais, permite aos visitantes coñecer novos produtos e innovacións alimentarias, de maneira que confía en que se traduza nun "pulo grande para o sector primario e a gastronomía deste país".