Oito meses despois, a cidade de Pontevedra volve situarse por debaixo dos 8.000 parados. Todo iso despois de que 289 pontevedreses encontrasen traballo durante o pasado mes de maio, segundo os datos que fixo públicos este martes a Consellería de Traballo e Benestar. Con este descenso, o número de desempregados no noso municipio sitúase en 7.776 persoas, un 3,58% menos que o mes anterior.
A caída nos datos do paro en Pontevedra é aínda máis acusada se se comparan cos demandantes de emprego que había na cidade hai un ano. Entón, 8.479 pontevedreses encontrábanse sen traballo. A redución interanual sitúase, polo tanto, nun 8,29% (703 persoas).
Maio foi un bo mes para o emprego na práctica totalidade das comarcas de Pontevedra, O Salnés, O Morrazo e Caldas. Os descensos máis pronunciados prodúcense, como é habitual nesta época do ano, nos municipios máis turísticos. Só hai unha excepción, Ponte Caldelas, onde aumentan o número de desempregados con respecto ao mes anterior.
Maio 2015 | Abril 2015 | Variación mensual | |
Pontevedra | 7.776 | 8.065 | -289 (-3,58%) |
Barro | 384 | 390 | -6 (-1,54%) |
Bueu | 1.055 | 1.087 | -32 (-2,94%) |
Caldas de Reis | 1.057 | 1.083 | -26 (-2,40%) |
Cambados | 1.508 | 1.574 | -66 (-4,19%) |
Campo Lameiro | 199 | 204 | -5 (-2,45%) |
Cotobade | 424 | 432 | -8 (-1,85%) |
Cuntis | 489 | 500 | -11 (-2,20%) |
O Grove | 1.022 | 1.111 | -89 (-8,01%) |
A Illa de Arousa | 389 | 408 | -19 (-4,66%) |
A Lama | 246 | 258 | -12 (-4,65%) |
Marín | 2.194 | 2.290 | -96 (-4,19%) |
Meaño | 513 | 562 | -49 (-8,72%) |
Meis | 508 | 534 | -26 (-4,87%) |
Moraña | 485 | 503 | -18 (-3.58%) |
Poio | 1.481 | 1.536 | -55 (-3,58%) |
Ponte Caldelas | 676 | 673 | 3 (0,45%) |
Portas | 292 | 298 | -6 (-2,01%) |
Ribadumia | 460 | 480 | -20 (-4,17%) |
Sanxenxo | 1.536 | 1.601 | -65 (-4,06%) |
Vilaboa | 594 | 621 | -27 (-4,34%) |
Vilagarcía de Arousa | 4.536 | 4,657 | -121 (-2,60%) |
Vilanova de Arousa | 1.171 | 1.203 | -32 (-2,66%) |
DATOS PROVINCIAIS
Pola súa banda, a final de maio había na provincia de Pontevedra 3.344 parados menos nas listas das oficinas públicas de emprego dos que estaban rexistrados un mes antes, segundo informou o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.
Se se compara cos datos de paro que había hai un ano, as listas do SEPE -o antigo INEM- reducíronse en 10.923 persoas (un 10,38% menos), o que deixa o total provincial en 94.351.
O paro rexistrado diminuíu o mes pasado en todos os sectores económicos, sobre todo, no de servizos, debido á proximidade da tempada alta turística.
Galicia rexistrou 7.780 parados menos, pechando maio con 236.981 parados.
No o conxunto do Estado o número de parados rexistrados situouse ao finalizar maio en 4.215.031 persoas, tras baixar en 117.985 desempregados respecto ao mes anterior o seu maior descenso nun mes de maio de toda a serie histórica, segundo informou este martes o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.
Co recorte de maio, o paro encadea catro meses de descensos en España.