Seis municipios da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés estarán a partir do sábado 3 de xullo no nivel medio de restricións. Trátase de Pontevedra, Poio, Vilaboa, Barro, Cambados e Vilanova de Arousa.
O comité clínico de expertos que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid-19 acordou na súa xuntanza deste martes meter neste nivel, no que xa está Poio desde o pasado sábado, tamén a Pontevedra, Vilaboa, Barro, Cambados e Vilanova de Arousa.
O comité tamén acordou este nivel medio de restricións para os concellos de Castroverde, Camariñas, Malpica de Bergantiños e Cambre e Poio mentres que se aplica o nivel alto nos concellos de Carnota e Sarria.
As medidas previstas pola Xunta para o nivel medio inclúen unha redución de ocupación que afecta á hostalería. No interior dos establecementos limítase a ocupación ao 30% da capacidade máxima permitida e mantense a norma de que a ocupación máxima será de 6 persoas por mesa ou agrupación de mesas, no caso de persoas non conviventes.
Ademais, non se poderá prestar servizo en barra e nas terrazas a ocupación limítase ao 50% e o máximo será de 15 persoas por mesa ou agrupación de mesas, no caso de persoas non conviventes.
En xeral, recoméndase que os grupos non superen as seis persoas, como máximo, en espazos pechados e as 15 en espazos abertos ou ao aire libre, sexan de uso público ou privado, agás que se trate de conviventes.
Non hai cambios no uso da máscara, que será obrigatoria en todo momento para as persoas de seis ou máis anos en espazos pechados de uso público ou abertos ao público, aínda que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros. Na vía pública e en espazos ao aire libre, e en ambos casos, só será obrigatoria cando a aglomeración de persoas impidan manter a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros.
Estas son as normas que rexerán nos seis concellos a partir da medianoite do sábado 3 de xullo.