Pontevedra, Vilaboa, Barro, Cambados e Vilanova estréanse no nivel medio de restricións

Pontevedra
03 de xullo 2021

As medidas previstas pola Xunta para o nivel medio inclúen unha recomendación de que os grupos non superen as seis persoas, como máximo, en espazos pechados e as 15 en espazos abertos ou ao aire libre. Pecha o lecer nocturno e hai novas limitacións de ocupación na hostalería 

Axentes da policía local falan cunha persoa sentada nunha terraza Mónica Patxot

Pontevedra, Poio, Vilaboa, Barro, Cambados e Vilanova de Arousa está este sábado, e ata novo aviso do comité clínico de expertos que asesora á Xunta de Galicia, en nivel medio de restricións. A situación non é nova para Poio, que xa leva unha semana neste nivel, pero si para o resto de municipios, que se estrearon a medianoite deste sábado. 

O nivel medio busca frear a expansión da pandemia que, se descontrolou nas últimas xornadas nestes municipios. No caso de Pontevedra, pola virulencia do brote de covid-19 derivado das viaxes de estudantes a Mallorca, que o venres xa sumaba 125 casos na área sanitaria. 

As medidas previstas pola Xunta para o nivel medio inclúen unha recomendación de que os grupos non superen as seis persoas, como máximo, en espazos pechados e as 15 en espazos abertos ou ao aire libre, sexan de uso público ou privado, agás que se trate de conviventes.

Ademais, prodúcense novas restricións en hostalería e en todo tipo de establecementos e eventos. As normas son as seguintes:

USO DA MÁSCARA

Non hai cambios no uso da máscara, que será obrigatoria en todo momento para as persoas de seis ou máis anos en espazos pechados de uso público ou abertos ao público, aínda que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros. Na vía pública e en espazos ao aire libre, e en ambos os casos, só será obrigatoria cando a aglomeración  de persoas  impidan manter a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros. 

ACTIVIDADES NON ESENCIAIS QUE PECHAN TEMPORALMENTE

Deberán pechar os espectáculos públicos: taurinos, circenses, feirais e de exhibición e pirotécnicos.

Non poderán abrir circos, prazas de touros, establecementos para atraccións e xogos recreativos e establecementos de lecer e entretemento. Esta medida afecta ao ocio nocturno: salas de festas, discotecas, pubs e cafés-espectáculo.

ESTABLECEMENTOS DE HOSTALERÍA E RESTAURACIÓN

No interior dos establecementos limítase o aforo ao 30% da capacidade máxima permitida e mantense a norma de que a ocupación máxima será de 6 persoas por mesa ou agrupación de mesas, no caso de persoas non conviventes.

Non se poderá prestar servizo en barra e nas terrazas a ocupación limítase ao 50% e o máximo será de 15 persoas por mesa ou agrupación de mesas, no caso de persoas non conviventes.

O horario de peche ao público será ás 23:00 horas coa opción de pechar ás 1:00 horas sempre que cumpran os requisitos establecidos no marco do Plan de Hostalería segura. Non se poderán admitir novos clientes a partir das 00.00 horas e permítese a recollida no local para consumo no domicilio ou a entrega a domicilio ata as 1:00 horas.

HOTEIS, ALBERGUES E ALOXAMENTOS TURÍSTICOS

As zonas comúns dos hoteis, albergues e aloxamentos turísticos estarán ao 50% da súa capacidade e os albergues turísticos, ao 30 % ​ excepto para grupos "burbulla" ou unidade familiar.

ESTABLECEMENTOS E LOCAIS COMERCIAIS  

En establecemento comerciante polo miúdo e de actividades de servizos profesionais haberá límite do  75% da súa capacidade total.

A capacidade das zonas comúns dos centros e parques comerciais queda limitada ao 50 %.No caso de establecementos ou locais distribuídos en varios pisos, límite do aforo 75% de capacidade total en cada un deles.Non se permitirá a permanencia de clientes nas zonas comúns, excepto para o tránsito entre os establecementos.​​​​​​​​​​​​​​​​​​​​​​

PRAIAS E PISCINAS

Fíxase unha superficie da praia para cada usuario de 4 metros cadrados, as piscinas cubertas e ao aire libre terán unha ocupación máxima do 50%; nas duchas e  lavapies haberá 1 persoa por dispositivo excepto no caso de necesitar asistencia; nas duchas en instalacións pechadas será do 50 % teñan ou non cabinas; e nos vestiarios e aseos a ocupación poderá ser do 100 %  se dispoñen de cabinas e 50 %  se non dispoñen delas.

VIDA SOCIAL E COMUNITARIA

Nos lugares de culto a ocupación limítase ao 75% da súa capacidade máxima permitida, nos velorios haberá un máximo de 10 persoas por  túmulo sexan ou non conviventes e nos enterramento ou despedidas para a  cremación o máximo será de 50 persoas sexan ou non conviventes.

En actos e reunións laborais, institucionais, académicos ou profesionais, congresos e outros eventos haberá unha ocupación máxima do 75% sempre que o público permaneza sentado, cun límite de 500 persoas en locais pechados e 1.000 persoas en locais ao aire libre En bibliotecas e arquivos, museos, salas de exposición, monumentos e outros equipamentos culturais o máximo será unha ocupación do 75%.

En competicións deportivas con público, cinemas, teatros e auditorios a capacidade máxima será do 30%, cun límite de 500 persoas en locais pechados e 1.000 ao aire libre. O público deberá permanecer sentado e deberá de custodiarse durante un mes  o rexistro de asistentes coa información do contacto.

Estas son as normas que rexerán nos seis concellos a partir da medianoite do sábado 3 de xullo.