O Concello estuda tres alternativas diferentes para solucionar as inundacións causadas polo regato Valdecorvos

Pontevedra
26 de novembro 2024
Actualizado: 14:38

Segundo explicou este martes o concelleiro de Intraestructuras, César Mosquera, estas tres solucións poderían funcionar de modo independente ou mesmo combinadas entre elas

Inicio do soterramento do rego de Valdecorvos baixo a rúa Casimiro Gómez Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra está a estudar tres alternativas diferentes para solucionar as inundacións causadas polo regato Valdecorvos na contorna de Fernando Olmedo.

Segundo explicou este martes o concelleiro de Intraestructuras, César Mosquera, estas tres solucións poderían funcionar de modo independente ou mesmo combinadas entre elas.

Unha sería implantar unha zona inundable, regulada mediante comportas, no parque de Valdecorvos dentro da urbanización. Neste espazo, duns 6.000 metros cadrados, poderíase crear unha área de inundación controlada cuns 7.500 metros cúbicos de capacidade, con regulación mediante telemando, de forma que reteña os excesos de caudal do regato mentres dure a marea alta e os alívie en episodios de marea baixa.

Ademais, está a estudarse outro espazo inundable de similares características na zona verde entre o CGTD e a rúa José Malvar, contigua á canle canalizada baixo a pista de atletismo do estadio. Trátase dunha área de 2.500 metros cadrados, con menor capacidade de almacenamento pero situada no límite da superficie inundable determinada pola Administración Hidráulica de Galicia.

Unha terceira posibilidade que estuda o Concello sería aliviar parte dos excesos de caudal a un novo colector na zona na que o rego de Valdecorvos cruza baixo a rúa José Malvar.

Este colector seguiría o curso desta última rúa e buscaríase un posible desaugadoiro augas arriba da ponte dos Tirantes.

Mosquera advertiu de que esta solución conta coa dificultade de instalar un colector de gran diámetro nunha rúa que conta con gran cantidade de redes, tanto municipais asociadas ao ciclo integral da auga como doutras compañías de servizos básicos.

En definitiva, trátase dun problema complexo que require de estudos previos para determinar a viabilidade de cada unha das actuacións propostas, pero Mosquera destacou que xa se están dando os pasos necesarios con vistas a atopar unha solución que, ademais, deberá ser acordada con Augas de Galicia.