Pontevedra, terceira cidade galega con menos paro, volve a cifras previas á crise

Pontevedra
21 de novembro 2018

As estatísticas de paro por municipio de datos macro, que calculan a taxa en base á porcentaxe de desempregados sobre a poboación activa, recollen que a taxa pontevedresa é do 15,41%. Desde 2018 non había unha porcentaxe tan reducida na cidade do Lérez

Traballadores nun tellado Mónica Patxot

Pontevedra é, a mes de novembro, a terceira gran cidade galega con menos paro, tan só superando nas estatísticas relativas ás localidades de máis de 40.000 habitantes a Lugo e Santiago de Compostela. 

A pesar de que outubro e novembro teñen tradicionalmente cifras negativas de desemprego porque supoñen unha etapa de transición entre os datos positivos do emprego estacional do verán e o repunte laboral das compras e a actividade hostaleira de Nadal, este ano Pontevedra logrou manter o tipo neste cuarto trimestre e situarse en porcentaxes de desemprego inferiores aos doutras localidades de similar comportamento económico. 

As estatísticas de paro por municipio de datos macro, que calculan a taxa en base á porcentaxe de desempregados sobre a poboación activa en base á última cifra actualizada de outubro, recollen que a taxa pontevedresa é da 15,41% fronte ao 13,73% de Lugo e o 12,68% da cidade galega con mellor situación, Santiago de Compostela. 

Estas estatísticas tamén permiten descubrir que Pontevedra recuperou taxas de desemprego previas ao aumento constante do paro rexistrado durante a crise económica. Os últimos datos e a taxa de paro do 15,41 por cento regresan a porcentaxes similares aos que había fai unha década, antes de 2008. Nese ano, a taxa fora un pouco inferior neste mes, do 15,19%, e desde entón nunca volvera á contorna do 15%. 

A taxa de paro pontevedresa, segundo esas mesmas estatísticas de datos macro, chegou a alcanzar en 2012 un 24,15% e neses anos máis duros da crise situouse en porcentaxes do 23,04 (2013), 22,17 (2012), 21,70 (2011). O ano pasado, 2017, xa entrara na senda do crecemento, cun 16,56%, pero este 2018 reduciuse máis dun punto.  

As cifras sempre son mellorables, pero indican que Pontevedra é desde este verán a quinta terceira con menos taxa de paro de Galicia. O primeiro posto ocúpao Ourense, cunha taxa do 18,21%, seguida, por esta orde, por Ferrol (17,86%), Vigo (17,18%) e A Coruña (15,59%). 

As estatísticas de novembro deste ano reproducen porcentaxes moi similares ás do pasado mes de outubro e reproducen o mesmo ranking. No caso de Pontevedra, a única das sete cidades gobernada polo BNG, rexistra 5.726 parados dunha poboación de 82.671 habitantes. 

En Santiago de Compostela, cidade mellor parada nas estatísticas deste cuarto trimestre do ano e gobernada por Compostela  Aberta, a cifra de desempregados é de 5.607 para unha poboación de 96.456. Séguelle en número de parados Lugo, cun goberno local socialista e 6.001 parados dos seus 97.995 habitantes.

A cuarta cidade do ranking é A Coruña, gobernada por Marea Atlántica e con 16.869 desempregados entre os seus 244.099 veciños. En quinto lugar está Vigo, con goberno do PSOE e 22.303 parados dunha poboación de 292.986. O sexto lugar é para Ferrol, cun alcalde de Ferrol en Común e 5.199 persoas paradas do total de 67.569. A peor cifra é a de Ourense, a única cidade galega gobernada polo PP e 7.970 desempregados do total de 105.636 habitantes. 

Arquivado en