Pontevedra ten "un gran porvenir", segundo Joan Busquets, porque ofrece "calidad de vida"

Pontevedra
20 de decembro 2018

O arquitecto Joan Busquets, catedrático de urbanismo pola Universidade de Harvard, pechou en Pontevedra o ciclo Urbtopías, un foro sobre deseño urbano que, ao longo do último mes, reuniu no Sexto Edificio do Museo a numerosos expertos para debater sobre as cidades do futuro

Conferencia de Joan Busquets no ciclo Urbtopías Mónica Patxot

O arquitecto Joan Busquets, catedrático de urbanismo pola Universidade de Harvard, pechou en Pontevedra o ciclo Urbtopías, un foro sobre deseño urbano que, ao longo do último mes, reuniu no Sexto Edificio do Museo a numerosos expertos para debater sobre as cidades do futuro.

Antes de intervir neste foro, Busquets foi recibido polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen lle explicou a grandes liñas o modelo urbano da cidade, unha experiencia que "tenía muchas ganas de conocer en persona", segundo recoñeceu.

O catedrático, responsable de plans urbanísticos en Barcelona, Toledo, A Coruña, Lisboa, Montreal, Singapura, Sao Paulo, Trento (Italia) ou Amersfoort (Holanda), destacou que cidades dun tamaño medio como Pontevedra teñen un "gran porvenir" porque ofrecen ás persoas "calidad de vida" e serven como "paradigma" ás urbes máis grandes.

A este respecto, Joan Busquets explicou que no século XX as cidades respondían as necesidades dos coches, un modelo que cre "superado" xa que actualmente a cidadanía "pide otras cosas" como harmonía co territorio ou outras formas de mobilidade. "La gente quiere poder elegir: ir en coche, en bicicleta o a pie", dixo.

Cada experiencia, segundo o arquitecto, "es diferente y no hay dos iguales" xa que os cambios dunha cidade deben estar baseados "en su geografía, en sus tradiciones o en sus propios medios", pero sempre coas ideas "claras" e apostando por ir aplicando "proyectos pilotos" que permitan "convencer" aos cidadáns das súas vantaxes.

"Los técnicos tenemos que hacer proyectos claros, los políticos tienen que explicarlos bien y los ciudadanos tienen que entender el por qué del cambio y lo que ganan", que segundo Busquets, pode ser calidade de vida, espazos verdes, sustentabilidade "o incluso su futuro".

Lograr que as cidades sexan espazos "sostenibles y agradables" é, engadiu o experto catalán, "nuestra obligación", xa que sinalou que "nadie quiere vivir en una ciudad sin futuro". Esa conexión entre as persoas e os seus territorios, dixo, "es más necesario que nunca" nun mundo dominado polas novas tecnoloxías e internet.