Pontevedra suspende todos os actos lúdicos e festivos como sinal de dor polo accidente de Santiago

Pontevedra
25 de xullo 2013

Pontevedra súmase a dor dos galegos ante o tráxico accidente ferroviario ocurrido este mércores en Santiago de Compostela. En solidariedade con todas as vítimas, o goberno local acordou a suspensión de todas as actividades de lecer e festivas programadas na cidade con motivo das Festas de Santiaguiño, entre elas a carreira popular, a tirada de fogos de pirotecnia, a verbena ou os pasarrúas

Pontevedra súmase a dor dos galegos ante o tráxico accidente ferroviario ocurrido este mércores en Santiago de Compostela. En solidariedade con todas as vítimas, o goberno local acordou a suspensión de todas as actividades de lecer e festivas programadas na cidade con motivo das Festas de Santiaguiño, entre elas a carreira popular, a tirada de fogos de pirotecnia, a verbena ou os pasarrúas.

Tamén acordou a colocación das bandeiras do Concello a media asta e enviouse un telegrama de condolencias e solidariedade ao Concello de Santiago e á Presidencia da Xunta por tal desgraciado sinistro.

Ademais, Pontevedra quere trasladar as súas condolencias ás vítimas e ás familias dos falecidos no accidente e reiterar a colaboración con todo o dispositivo habilitado.

Como ocurriu dende o primeiro momento en que os servizos de emerxencia municipais tiveron coñecemento do sucedido a través do 112, o Concello continúa a disposición  do Concello de Santiago e de todas as necesidades derivadas deste fatal accidente. Os bombeiros, e toda a equipa de emerxencias municipais estiveron en contacto permanente co operativo do lugar para entrar en servizo cando fosen solicitados.

Durante a mañá  estanse a facer xestións  por parte do alcalde para porse en contacto cos accidentados trasladados aos centros hospitalarios de Pontevedra, coñecer o seu estado, a súa evolución e satisfacer as demandas que o Concello poida resolver.

A Corporación participará no minuto de silencio convocado pola FEMP en sinal de solidariedade, diante do Concello ás 12.00 horas.