Pontevedra súmase á condena unánime da comunidade internacional ao ataque de Rusia contra Ucraína

Pontevedra
24 de febreiro 2022

O inicio dun máis que probable conflito bélico "ás portas de Europa" levou ao alcalde de Pontevedra, en representación de toda a cidadanía, a condenar o ataque de Rusia contra Ucraína sumándose así ás críticas unánimes de toda a comunidade internacional

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra Mónica Patxot

O inicio dun máis que probable conflito bélico "ás portas de Europa" levou ao alcalde de Pontevedra, en representación de toda a cidadanía, a condenar o ataque de Rusia contra Ucraína sumándose así ás críticas unánimes de toda a comunidade internacional.

Miguel Anxo Fernández Lores expresou a súa "preocupación" ante unha situación que deixará nunha situación "especialmente vulnerable" a toda a sociedade civil ucraína.

"Ningunha guerra dá resultados que non sexan os mortos", denunciou Fernández Lores, que lamentou que en pleno século XXI " non sexamos capaces de resolver as diferenzas que poidan existir pola vía diplomática" e se renuncie ao diálogo e ao entendemento.

Tras realizar un chamamento "contra todo conflito bélico", o alcalde pontevedrés instou a todos os actores internacionais "que teñan capacidade de influír" neste aspecto, para que "exerzan a súa capacidade de convicción" para frear esta guerra incipiente.

Os responsables desta situación "son todos", engadiu Lores, porque se non se retoma a vía diplomática para resolver este conflito "vai a sufrir moita xente".

Ao goberno municipal, polo momento, non lle consta que haxa en Ucraína ningún cidadán de Pontevedra que se vira atrapado por esta escalada bélica.

Arquivado en