Os parques infantís do centro e do rural de Pontevedra seguirán desinfectándose cada día como medida de prevención contra a propagación do coronavirus. Pola vía de urxencia, a Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou este luns a contratación deste servizo de limpeza para o próximos catro meses á empresa Garocaprim SL por valor de 137.000 euros.
Ata o momento o contrato renovábase de forma mensual, pero desde a concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural consideran que "dada a delicada situación económica, é evidente que será necesario manter no tempo esta desinfección en profundidade das zonas de lecer infantil".
A adxudicataria destina actualmente a tres brigadas de dous traballadores cada unha a realizar estas tarefas todas as noites entre as 00.00 e as 7.00 horas para deixar os corenta parques infantís do municipio nas mellores condicións hixiénico sanitarias.
Na mesma Xunta de Goberno pero xa pola vía ordinaria, foron aprobadas a prórroga do servizo de impresión e papelería por 6.600 euros, un convenio de 2.000 euros coa asociación Xoán XXIII, acordos de colaboración con cada unha das 18 Anpas do municipio e un proxecto de rehabilitación na Ferraría vinculado ao ARI do Centro histórico valorado en 178.000 euros dos que serán subvencionados 60.000 euros.