Pontevedra salda unha débeda con sete nomes da cidade, vítimas do nazismo

Pontevedra
06 de abril 2019

O Teatro Principal acolleu este sábado o acto de homenaxe a Manuel Coto Martínez, Urbano Sanmartín Abilleira, Antonio Gómez Torres, Claudio Tizón Vázquez, Macario Julio Cortegoso Rodríguez, Manuel Pérez Taboada e Ramón García Martínez, despois de sufrir décadas de esquecemento

Acto de homenaxe aos pontevedreses vítimas do nazismo Concellería de Patrimonio Histórico

Os campos de concentración nazis de Mauthausen, Gusen e Neuengamme convertéronse nos espazos de tortura de sete pontevedreses, que este sábado eran recoñecdios nun acto de homenaxe que se desenvolvía no Teatro Principal de Pontevedra a través da concellería de Patrimonio Histórico.

Neste evento participaba Pilar Pérez, a sobriña do supervivinte Manuel Pérez Taboada, ademais do concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará; o historiador e investigador Xosé Álvarez Castro; a escritora Montse Fajardo e diversos familiares das sete vítimas do nazismo: Manuel Coto Martínez, Urbano Sanmartín Abilleira, Antonio Gómez Torres, Claudio Tizón Vázquez, Macario Julio Cortegoso Rodríguez, Manuel Pérez Taboada e Ramón García Martínez. 

Tres deles lograban sobrevivir a súa dura experiencia: Manuel Pérez Taboada, Manuel Julio Cortegoso e Ramón García Martínez. O resto foron asasinados, afirmou Luís Bará durante a súa intervención, e conservaron a dignidade como loitadores contra o fascismo.

O historiador Álvarez Castro realizou un paralelismo coa situación actual, na que se despersonaliza os inmigrantes. Por este motivo, alertou da necesidade de poñer cara a esas vítimas para lembrar que son persoas.

Pola súa parte, a escritora Montse Fajardo quixo referirse ás parellas, nais e irmás destas vítimas do nazismo, que sufriron tamén os danos desa situación.

O acto de homenaxe continuou coas palabras de Pilar Pérez que contou como o seu tío non puido retornar a Pontevedra despois da morte de Franco. Despois chegaron as palabras do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que manifestou a súa intención de saldar unha débeda de décadas de silencio con estes sete veciños do municipio e pediu unha reflexión sobre os discursos xenófobos actuais para facer unha chamada a reivindicar os ideais polos que loitaron as vítimas dos campos de concentración nazis.

O dúo musical Marcelo Dobode e Luis Martínez foron os encargados de amenizar esta cita, que contou coa presenza de numeroso público.