Pontevedra renova as súas 'estrelas' e Galicia aumenta á súa constelación gastronómica

Pontevedra
15 de decembro 2021

A cociña pontevedresa volve estar de parabéns. Todos os restaurantes que tiñan Estrela Michelin renovaron o seu distintivo. Así se desvelou na gala celebrada onte á noite en Valencia, na que Galicia sumou un restaurante máis á súa constelación gastronómica: o Auga e Sal de Santiago

Javier Olleros, no seu restaurante Mónica Patxot

A cociña pontevedresa volve estar de parabéns. Todos os restaurantes que tiñan Estrela Michelin renovaron o seu distintivo. Así se desvelou na gala celebrada onte á noite en Valencia, na que Galicia sumou un restaurante máis á súa constelación gastronómica.

Con Javier Olleros (Culler de Pau) á cabeza, o único cociñeiro galego con dúas Estrelas, outros catro referentes gastronómicos da provincia retiveron a súa: Pepe Solla (Casa Solla), Pepe Vieira (Camiño da Serpe), Iñaki Bretal (O Eirado) e Yayo Daporta (Yayo Daporta).

Os outros dous restaurantes que seguirán formando parte deste selecto club son os vigueses Maruja Limón, de Rafa Centeno e Inés Abril, e Silabario, de Alberto González Prelcic.

Ademais, tanto Olleros como Vieira conseguiron de novo a Estrela Verde, que certifica o firme compromiso dos seus restaurantes coa sustentabilidade.

Con ata oito Estrelas Michelin en total, Pontevedra logra a metade das que se concederon a Galicia, que este ano creceron a dezaseis coa incorporación, por primeira vez, de Auga e Sal, o restaurante de Santiago dirixido por Áxel Smyth Taracido.

Santiago suma así a súa terceira Estrela, xa que tanto Casa Marcelo como A Tafona repiten entre os restaurantes recoñecidos por estes prestixiosos galardóns

Árbore da Veira (A Coruña), Retiro da Costiña (Santa Comba), As Garzas (Malpica), Nova (Ourense) e Miguel González (Pereiro de Aguiar) completan a lista dos selectos restaurantes galegos.