Pontevedra recolle en Corea o primeiro premio das Cittaslow

Pontevedra
02 de novembro 2017

O alcalde Fernández Lores animou a todos a facer cidades con máis calidade urbana para todos os veciños

Lores recollendo un premio a Pontevedra en Jeonju (Corea do Sur) Concello de Pontevedra

Pontevedra recibiu este xoves o premio Cittaslow, na cidade coreana de Jeonju, polas súas boas prácticas en mobilidade.

Neste foro, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores recibiu o galardón das mans do alcalde de Jeonju e agradeceu que se teñan acordado da cidade do Lérez para recibir este primeiro galardón que entrega esta entidade internacional e animou aos presentes a seguir traballando para devolver ás cidades aos seus veciños.

A entrega fíxose no marco da celebración do Jeonju World Slowness Forum & Awards 2017 que leva por titulo "O mundo pregunta, Jeonju resposta" que se celebrou na cidade coreana, onde se atopa o alcalde de Pontevedra acompañado do intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle, dende o mércores.

No acto de entrega, celebrado na antiga escola confuciana Jeonju Hyanggyo, o alcalde de Jeonju volveu a mencionar a Pontevedra como a cidade do século XXI e recibiu os parabéns do fundador da corrente Cittaslow, o italiano Paolo Saturnini.

Xunto a Pontevedra, tamén foi galardoada as vilas de Katoomba (Australia) e Asolo (Italia) polas súas prácticas sectoriais.

Pola tarde, Fernández Lores ofreceu unha conferencia sobre o modelo de cidade facendo unha presentación previa cun vídeo e unha posterior explicación. Logo da súa exposición, a delegación galega recibiu os parabéns dos asistentes pola aposta decidida dos pontevedreses por recuperar a súa cidade.