Pontevedra reclama ao Estado a devolución de dúas parcelas sen uso na Xunqueira de Alba

Pontevedra
26 de xuño 2023

Dúas parcelas, unha de 5.026 e outra de 4.995 metros cadrados, son as que o Concello de Pontevedra vén de reclamarlle a Patrimonio do Estado. Están na Xunqueira de Alba e, actualmente, non contan con ningunha edificación construída nin uso de ningún tipo

Xunqueira de Alba Mónica Patxot

Dúas parcelas, unha de 5.026 e outra de 4.995 metros cadrados, son as que o Concello de Pontevedra vén de reclamarlle a Patrimonio do Estado. Están na Xunqueira de Alba e, actualmente, non contan con ningunha edificación construída nin uso de ningún tipo.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta do inicio do expediente para a súa transferencia co fin de seguir traballando na recuperación deste espazo natural, do que xa desapareceron a imprenta provincial e o parque de maquinaria da Deputación.

"Estamos a falar de dúas parcelas que non teñen ningún uso nin identificación", subliñou Fernández Lores, que explicou que ademais o Estado está pagando o IBI por elas "e os funcionarios entenden que non ten moito sentido".

De feito, unha delas pertencía ao Ministerio de Industria e a outra ao Ministerio de Vivenda e que, ao non ter uso, pasaron a depender de Patrimonio do Estado.

Este procedemento vai paralelo ás outras solicitudes e peticións a outras administracións "que xa fomos facendo ao longo dos últimos tempos", recordou o alcalde.

A este respecto, o rexedor insistiu en que o Concello seguirá demandándolle á Xunta e ao Estado que colaboren na recuperación deste espazo natural, para o que lles pediu que "vaian pensando e buscar alternativas á hora de desocupar estes terreos".