Pontevedra quere ter un Desfile polo Día do Orgullo LGBT+

Pontevedra
23 de xaneiro 2022

A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco desvelou a súa intención de organizar o primeiro Desfile do Orgullo LGBT+ de Pontevedra

Pancarta conmemorativa do Orgullo LGTBIQA en Pontevedra Mónica Patxot

A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco desvelou a súa intención de organizar o primeiro Desfile do Orgullo LGBT+ de Pontevedra.

O Día Internacional do Orgullo LGBT+ celébrase o 28 de xuño aínda que esa marcha festiva e reivindicativa non ten que coincidir con esa data. 

Yoya Blanco declarou que a Concellería de Igualdade quere "dar un paso máis na conmemoración desta data, converter a Semana do Orgullo nunha semana de festa e celebración e organizar o primeiro Desfile do Orgullo de Pontevedra en canto a pandemia nolo permita".

Curiosamente, este anuncio fíxose en Madrid, no medio da intensa axenda de reunións desenvolvida durante a Feira de Internacional Fitur 2022 pola concelleira de Turismo e de Igualdade, Yoya Blanco, e o edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes.

Os edís socialistas aproveitaron a súa estancia no Ifema para achegarse ata o Pavillón de Fitur LGBT+ e manter unha xuntanza co seu creador e organizador durante moitos anos, Juan Pedro Tudela, cofundador de Diversity Consulting e unha das figuras máis influíntes dentro do colectivo en España.

Durante o encontro, Blanco explicoulle a Tudela as accións desenvolvidas polo seu departamento en Pontevedra con motivo da Semana do Orgullo, cunha vertente moi cultural e reivindicativa a través do programa Pinto e Maragota e "iniciativas que tiveron unha fantástica acollida, como as letras luminosas no balcón do Consistorio ou as marabillosas intervencións artísticas do meu compañeiro Iván Puentes co proxecto dos Xardíns que Falan". 

Juan Pedro Tudela recolleu a luva da concelleira socialista, amosou un grande interese na proposta da nosa cidade e ofreceuse a visitar Pontevedra e a empregar toda a súa experiencia para "asesorar na organización deste primeiro Desfile do Orgullo" á Concellería de Igualdade e axudar a encher Pontevedra de cores e do "espírito festivo que debe caracterizar ao Orgullo".