Pontevedra promove no rural un grupo pioneiro de resistencia anti velutina

Pontevedra
14 de xullo 2017

Poñen en marcha un grupo de voluntariado anti velutina con apicultores por todas as parroquias e un servizo a través de whatsapp no que os veciños dean aviso dos niños atopados. Persoal municipal actuará de intermediario entre o veciño que dá a alerta a través de mensaxes ao 679411930, e os apicultores voluntarios que procederán á retirada

Presentación do grupo de voluntariado anti velutina no Concello de Pontevedra Mónica Patxot

Moito se ten falado nos últimos meses sobre o perigo asociado á vespa velutina ou asiática e a rapidez coa que se está estendendo por toda Galicia. Correron ríos de tinta sobre a posta en marcha de protocolos de actuación e estratexias de prevención. Pero nunca ata agora se presentara unha proposta como a que este venres se deu a coñecer no Concello de Pontevedra.

Comparte filosofía e algúns elementos comúns con outros plans deseñados por outras administracións, pero dando un paso máis para chegar ao rural do municipio e axilizar os procesos de eliminación de niños. Trátase dun grupo de voluntariado anti velutina.

Este grupo de resistencia anti velutina terá apicultores expertos e voluntarios por todas as parroquias para retirar os niños de forma rápida e segura, pero parte da base de que a colaboración cidadá é fundamental, de modo que o Concello de Pontevedra promoveu un número de whatsapp no que os veciños dean aviso dos niños atopados. Persoal do departamento municipal de Medio Natural coordinará ese número, o 679411930, e actuará de intermediario entre o veciño que dá a alerta e os apicultores voluntarios que irán retirar o niño. 

O concelleiro de Medio Natural, Alberto Oubiña; o presidente dos comuneiros de Campañó, José María Domínguez; e o apicultor de Marcón José Cortizo presentaron este venres esta campaña pensada para atacar e "tratar de minguar na medida do posible a praga de vespa velutina" e piden aos pontevedreses que se somen á mesma. Aos apicultores, para que se unan ao grupo de voluntarios e aos cidadáns, para que axuden avisando dos niños que vaian a aparecendo. 

Un exemplo da incidencia cada vez maior da vespa velutina en Pontevedra é que desde que o pasado 7 de xullo de puxo en marcha este grupo de voluntarios xa se retiraron 17 niños nas parroquias do rural. Ademais, fóra do municipio, pero nas proximidades, este mesmo xoves, apareceron dous niños na praia en Combarro, Poio, que mesmo deixaron a varias persoas con picaduras. 

A vespa asiática é perigosa para as colmeas de abellas, para os froiteiros, para as plantacións de legumes e para as persoas, cunha incidencia que nesta época do ano chega ao seu momento álxido, por iso é polo que sexa necesaria a colaboración de todos os cidadáns e institucións para poñerlle freo á praga. 

En Pontevedra os bombeiros xa colaboran co Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia no protocolo autonómico para a retirada de niños, pero este ten como prioridade a actuación nos núcleos de poboación e cando estean en perigo inmediato as persoas e vivendas habitadas. O novo protocolo que promove Medio Natural en colaboración coa Mancomunidade de Comunidades de Montes e os apicultores complementará esas actuacións e centrará a súa atención en lugares do rural máis afastados das casas. 

O obxectivo é "dar resposta de modo medianamente rápido", pero sen obviar ao 112. Desta forma, o primeiro paso do protocolo é aconsellar aos cidadáns que avisen ao 112 se o niño está cerrca das casas. En caso contrario, terán o número 679411930 á súa disposición, aínda que só para whatsapp, non para chamadas de teléfono. O consello é activar o GPS do móbil e enviar un whatsapp a ese número coa localización do niño. Nese momento actívase o protocolo, avísase aos voluntarios e extermínase e retírase. 

Arquivado en