Pontevedra presume de modelo urbano en Granada: "Mercar sen coches é máis agradable e máis rendible"

Pontevedra
20 de setembro 2017

A concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, e o secretario do Centro Comercial Urbano (CCU) Zona Monumental, Ernesto Filgueira, expuxeron este martes o modelo urbano de Pontevedra nunha conferencia internacional organizada pola Axencia de Enerxía de Granada

Anabel Gulías e Ernesto Filgueira, en Granada Concello de Pontevedra

A concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, e o secretario do Centro Comercial Urbano (CCU) Zona Monumental, Ernesto Filgueira, expuxeron este martes o modelo urbano de Pontevedra nunha conferencia internacional organizada pola Axencia de Enerxía de Granada.

No transcurso da charla, Filgueira destacou que "mercar sen coches é máis agradable e máis rendible" e Gulías detallou os pasos que foi dando Pontevedra para implantar o seu novo modelo de mobilidade, no que se prima ás persoas sobre os coches e do que destacou que se realizou "aprendendo de todos e sen imitar a ninguén en concreto". 

Filgueira tamén relatou os medos e as supostas ameazas que vían algúns veciños ante o inicio dos cambios realizados para a peonalización do centro histórico e profundou en certas cuestións relacionadas coa participación e os procesos que se levaron a cabo, especialmente nos primeiros anos da reforma urbana.

A charla na que participaron Gulías e Filgueira forma parte dun proxecto europeo e congregou en Granada a público de distintos países.

Segundo indicou o Concello de Pontevedra a través dun comunicado, os presentes destacaron todo o manifestado pola representación pontevedresa.