"Sen o meu si, non", este é o lema da campaña de sensibilización, información e concienciación impulsada polo concello de Pontevedra en materia de igualdade, prevención e loita contra a violencia sexual.
A concelleira de Igualdade, Paloma Castro explicou que dentro desta iniciativa inclúense a instalación de "Puntos Morados" durante os días de maior afluencia de xente na semana grande das festas da Peregrina. Ademais divulgarase un vídeo e repartiranse dípticos con información que serán repartidos nos diferentes puntos informativos e, durante o curso, poñeranse a disposición nos centros educativos do municipio.
A campaña explica a diferenza entre agresión e abuso sexual insistindo que en calquera dos dous casos é necesario sempre o consentimento. Neste sentido, destaca o que non é un consentimento cunha longa lista de supostos onde se explica que "non dicir non de maneira explícita non significa si", tampouco o silencio, non responder ou a indecisión. Igualmente non hai un acordo activo para participar nun acto sexual se se está baixo os efectos de drogas, incluíndo nelas o alcol, ou se está nunha situación de inconsciencia, por exemplo durmindo.
Tamén advirte esta campaña dalgunhas condutas que están "normalizadas" ao noso ao redor e que pasan "desapercibidas" como son os " micromachismos" aos que "hai que poñer freo a estas condutas sutís que alimentan a cultura da violación".
Finalmente márcanse unhas pautas de actuación para que sigan aquelas persoas que sufriron unha agresión e os teléfonos aos que teñen que acudir para informase e denunciar.
A concellería de igualdade do concello de Pontevedra está a elaborar un protocolo de actuación para casos de violencia sexual. Esta sendo confeccionado por profesionais en igualdade e persoal do Centro de Información á Muller e será levado para a súa aprobación á Mesa técnica de coordinación para a loita contra a violencia de xénero.
A edil socialista Paloma Castro lamentou que "nesta sociedade na que vivimos está en perigo a integridade das mulleres" e sinalou que "mentres sigamos vivindo nunha sociedade machista e patriarcal e haxa energúmenos que sigan pensando que por ser homes teñen o control, non nos queda outro remedio ás institucións que protexer ás mulleres para que poidan pasar o seu lecer e as festas en liberdade".