Un total de 907.088 pontevedreses están chamados ás urnas para elixir os 22 deputados que nos representarán no Parlamento autonómico na próxima lexislatura e, de paso, decidir quen vai a ser o novo presidente ou presidenta da Xunta de Galicia.
De todos eles, 773.024 persoas forman parte do censo de electores que poderán votar este domingo nalgún dos 668 colexios electorais, que contarán con 1.331 mesas de votación, que haberá repartidos polos 61 concellos da provincia de Pontevedra.
O resto, 134.064 pontevedreses, corresponden co denominado censo de residentes ausentes (CERA), é dicir, os cidadáns con dereito a voto que residen fóra de Galicia.
En total, 2.697.315 galegos teñen dereito ao voto nestas eleccións -2.234.152 de xeito presencial-, que arrancan contra as oito da mañá coa composición das mesas electorais, nas que estarán sentados preto de 12.000 cidadáns, dos cales case 4.000 estarán en Pontevedra.
As deste domingo 12 de xullo, serán unhas eleccións galegas que, sen dúbida, estarán marcadas pola pandemia sanitaria do coronavirus e polo medo aos rebrotes que, nos últimos días, comezaron a aparecer polo país.
Desde o goberno galego reiteran que acudir a votar será seguro. Para iso aprobouse un protocolo de seguridade, que permitirá que todos os cidadáns poidan participar con garantías.
Así, estarán despregados en todos os locais electorais preto de 3.900 representantes da administración, polo menos un en cada local electoral, con funcións de vixilancia e supervisión para asegurar o cumprimento das medidas en materia de saúde pública.
Ademais de vixiar que se manteña a distancia de seguridade entre os votantes, estas persoas contribuirán a evitar aglomeracións mediante o control do acceso e do aforo dando prioridade ás persoas maiores de 65 anos ou con algún tipo de discapacidade.
En todos os locais, estará instalada cartelería para facilitar o seguimento das pautas sanitarias, así como para indicar os fluxos de circulación de entrada e saída e a distancia de seguridade que hai que manter no seu interior.
O uso da máscara será obrigatorio e os votantes deberán hixienizar as mans antes e despois de proceder ao voto. As persoas integrantes da mesa electoral, interventores e apoderados dos partidos políticos contarán con máscaras e xel hidroalcohólico para a toda xornada, xunto cunha pantalla facial.
Unha vez que cheguen á zona de votación os electores deberán deixar o seu DNI nunha bandexa para que as persoas integrantes da mesa poidan realizar a súa identificación minimizando o contacto.
Ademais, durante toda xornada electoral intensificarase a ventilación e as actuacións de limpeza e desinfección, tanto ao inicio como ao longo do día e facendo fincapé nas superficies máis expostas.
O electorado contará con máis de 32 millóns de papeletas e 3,3 millóns de sobres de votación. Ademais, haberá a disposición dos electores case 2,4 millóns de máscaras cirúrxicas, máis de 40.000 botes de xel hidroalcohólico e ao redor de 47.000 pantallas faciais para os membros das mesas electorais.
INFORMACIÓN EN TEMPO REAL
Xa de cara ao escrutinio, os resultados poderán seguirse en tempo real a través da APP que creou a Xunta de Galicia para esta cita electoral.
Ademais, a páxina web https://resultados2020.xunta.gal ofrecerá datos do escrutinio provisional a nivel autonómico, provincial, comarcal e por concellos e datos de participación segundo se vaian recibindo, incluíndo comparativas coas eleccións do 2016.
Ademais da aplicación móbil e da web de resultados, a Xunta tamén ten operativa a páxina web https://eleccionsgalicia2020.gal/, onde se centraliza toda a información de interese relacionada co proceso electoral.