Pontevedra, preparada para unha 'numérica' Feira Franca que aspira ser "de récord"

Pontevedra
29 de agosto 2023

Un matemático italiano que chega de Arabia cun novo concepto de numeración. Ese será o fío condutor do espectáculo inaugural da edición número 22 da Feira Franca. Como en anos anteriores correrá a cargo da compañía pontevedresa Pablo Méndez Performances

Presentación da XXII Feira Franca Mónica Patxot

Un matemático italiano que chega de Arabia cun novo concepto de numeración. Ese será o fío condutor do espectáculo inaugural da edición número 22 da Feira Franca. Como en anos anteriores correrá a cargo da compañía pontevedresa Pablo Méndez Performances.

"É algo distinto, un concepto totalmente diferente", explicou o propio Pablo Méndez, que recoñeceu a complexidade que supuxo adaptar a dramaturxia do espectáculo á temática elixida este ano para a Feira Franca: os números.

A compañía leva meses traballando neste espectáculo, que arrancará coa chegada a Pontevedra deste matemático, que se irá atopando con todos os gremios que participan na Feira Franca, aos que dará as novas pautas para cambiar o sistema de numeración.

Haberá máis de vinte artistas sobre o escenario da Praza da Ferrería, maioritariamente locais, pero haberá unha acróbata que traballou para o Circo do Sol que, segundo Méndez, "fará un número dentro do espectáculo que vai a ser digno do evento".

O director de Pablo Méndez Performances sostivo que o reto que afrontan neste novo encargo para abrir a Feira Franca "non é superarnos senón volver sorprender á xente", algo que en Pontevedra recoñece que non é fácil "porque estamos acostumbrados ver moita cultura". 

Pablo Méndez, ao que só lle preocupa que chova durante o espectáculo porque os artistas executarán "números moi arriscados", avanzou que haberá unha parte audiovisual, acrobacias, unha mestura de circo e teatro "e cousas que van sorprender moito".

A inauguración da XXV Feira Franca, que estará dedicada aos números, será o venres 1 de setembro a partir das dez da noite.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, avanzou que esta será unha edición "de récord", ao rexistrarse un 13% máis de participación en mesas particulares, as comidas e ceas que ofrecerá a hostalería local ou os postos de artesanía.

"Hai moita xente traballando desde hai semanas na ambientación da cidade", lembrou Fernández Lores, que celebrou que a Feira Franca sexa unha festa "altamente participada e sentida" polos veciños de Pontevedra e por miles de persoas que veñen ese día á cidade.

Ademais, destacou que a práctica totalidade de empresas que traballan na programación da Feira Franca son pontevedresas ou galegas, polo que destacou que esta festa non só xera actividade económica o mesmo día de celebración senón tamén nos meses previos.

PROGRAMA DA FEIRA FRANCA

O día grande da Feira Franca, o sábado 2 de setembro, empezará formalmente ás 11:30 horas coa apertura do mercado medieval na Avenida de Santa María e a mostra de oficios nas prazas da Pedreira, Ferrería e O Peirao.

Ás 12 horas chegarán á Boa Vila os arrieiros, mercadores e labradores transportando o viño do Ribeiro, unha recreación da Asociación Recriativa Xeve, A Xanela do Maxín e Troula, con animación de Duos Pontes. Sairá de Santa Clara e terminará na Praza da Peregrina.

Non faltará tampouco o torneo medieval na praza de touros, a cargo da compañía Hípica Celta. Haberá dous pases das xustas, ás 17:30 e ás 20:00 horas. A entrada é gratuíta e efectúase polas portas 2, 3 e 6 do coso de San Roque.

Ademais, os nenos poderán gozar do castelo instalado en Raíña Vitoria, con carruseis medievais e circuíto de xogos. Nos soportais da Praza da Pedreira haberá obradoiros creativos e unha ludoteca medieval e na Praza de España máis carruseis e o campamento.

Polas rúas e prazas da cidade haberá demostracións de oficios, talleres, cantares de cego, música, pasacalles, animación, tiro con arco, cetrería, esgrima ou a concentración de embarcacións tradicionais entre as pontes do Burgo e o das Correntes.

Arquivado en