Pontevedra prepara "Etiqueta Negra", unha feira gourmet 100% galega

Pontevedra
19 de xullo 2016

Esta feira celebrase os días 12, 13 e 14 de novembro no Recinto Feiral de Pontevedra e pretende amosar tanto a ampla variedade de alimentos e bebidas de alta calidade que se están facendo en Galicia, como os procesos de innovación de novos produtos, sabores e envases

Mesa de traballo da Feira Etiqueta Negra Gourmet Mónica Patxot

A Concellaría de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentou este martes a feira Etiqueta Negra Gourmet, unha cita de carácter profesional que aspira a converterse nun dos eventos gastronómicos máis destacados do país.

O obxectivo é reunir nun mesmo espazo a profesionais do sector, produtores e consumidores coa fin de coñecer as tendencias de mercado, identificar novas liñas de negocio e difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos. 

Será o mellor escaparate para presentar o gran potencial deste mercado, onde a combinación de innovación e comercialización especializada progresa día a día, segundo sinalaron os seus organizadores. Trátase dunha oportunidade única para coñecer o conxunto da oferta gourmet galega con produtores e produtos nun mesmo punto de unión.

Esta feira celebrarase os días 12, 13 e 14 de novembro no Recinto Feiral de Pontevedra e pretende amosar tanto a ampla variedade de alimentos e bebidas de alta calidade que se están facendo en Galicia, como os procesos de innovación de novos produtos, sabores e envases.

Etiqueta Negra, que está nas súas primeiras etapas de organización, estará aberta eses tres días de 11 a 20 horas, e contará cunha entrada cun prezo simbólico de dous euros.

Coa participación de prestixiosos expertos nun programa de actividades atractivas para os visitantes -entre elas catas, degustacións, conferencias ou presentacións de produtos-), Etiqueta Negra convídanos a descubrir o máis selecto do mercado galego de produtos de calidade diferenciada e marca premium.

Na mesa de traballo celebrada este martes participaron as concelleiras Anabel Gulías e Anxos Riveiro, e os cociñeiros Iñaki Bretal, Rubén González; o secretario do CIFP Carlos Oroza, Juan Ferradás, o vicepresidente da asociación de hostaleiros de Pontevedra, Ángel Sorey; a representante de Mafari Café, Sofía Prieto Lestao; María Victoria Cosme, administradora de Amorodo e María José Méndez, xerente de Mi-má.