Pontevedra, premiada en Hong Kong: Lores recolle un novo galardón ao modelo urbano

Pontevedra
25 de novembro 2015

Pontevedra abre camiño en Asia. Tras recibir premios en Bruxelas, Dubái ou Nova York, a cidade chinesa de Hong Kong foi o escenario no que Pontevedra recibiu un novo recoñecemento internacional ao seu modelo urbano. Ata alí desprazouse hai uns días o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que non puido ocultar a súa satisfacción tras recoller este galardón como a Cidade de Mobilidade Intelixente Euro-China 2015

Foto de familia dos premiados en Hong Kong PontevedraViva

Pontevedra abre camiño en Asia. Tras recibir premios en Bruxelas, Dubái ou Nova York, a cidade chinesa de Hong Kong foi o escenario no que Pontevedra recibiu un novo recoñecemento internacional ao seu modelo urbano. Ata alí desprazouse hai uns días o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que non puido ocultar a súa satisfacción tras recoller este galardón que lle acredita como a Cidade de Mobilidade Intelixente Euro-China 2015.

Fernández Lores, que recibiu o premio de mans de Li Tie -director xeneral do Centro Chinés para o Desenvolvemento Urbano- no transcurso dunha cea de gala celebrada no Hotel Marriott, sinalou que "é un chanzo máis da posición de Pontevedra como referente mundial" e celebrou que llo concederon na Asia "máis internacional" como cualificou á cidade de Hong Kong, pola proxección que pode supoñer en todo ese continente.

O alcalde recoñeceu que o modelo urbano de Pontevedra "poucos o imitan porque hai que traballalo moito, é moi participado, hai que ter unha idea clara do que se quere facer e ter valentía política para levalo adiante", pero mostrouse convencido de que "todo o mundo o envexa". Estamos, sinalou, demostrando que as cidades "son para os cidadáns" fronte a outras localidades nas que se prioriza o vehículo a motor aplicando políticas "dos anos 70 e 80".

Pontevedra, apuntou o alcalde, é a smart-city "máis smart-city de todas" e que o seu modelo "é o máis intelixente de todos". Así, Lores afirmou estar "plenamente convencido" de que a calidade de vida da cidade é "claramente superior" a moitas outras localidades do mundo e que iso supón un atractivo económico importante xa que "cada vez hai máis xente que fai turismo para gozar do espazo urbano e ámbitos naturais e agradables".

Neste sentido, cre que este tipo de premios e recoñecementos internacionais axudan á proxección exterior da cidade e a xerar "movemento económico". Niso enmarca, por exemplo, a recepción que terá este mércores en Hong Kong con empresarios asiáticos que están interesados en facer negocios con compañías pontevedresas. "Eu teño moitas esperanzas depositadas neste encontro", avanzou o rexedor da capital.

Durante a gala de entrega do premio, Miguel Anxo Fernández Lores recibiu "moitos parabéns" polo modelo urbano de Pontevedra, entre eles do alcalde de Breslavia (Polonia), que será Capital Europea da Cultura en 2016; e do secretario de Medio Ambiente do goberno de Hong Kong, KS Wong, que se achegou á delegación pontevedresa para departir durante uns minutos co alcalde.

PONTEVEDRA, NUNHA MESA REDONDA

Antes da entrega do premio, Pontevedra participou nunha mesa redonda denominada "Exitosos exemplos de urbanización e novo concepto de cidade en Europa e China", onde o intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle expuxo as liñas básicas do proceso de transformación "armónico e global" que experimentou a cidade no últimos dezaseis anos e que, lembrou, supuxo un "cambio radical" na súa concepción urbana.

O aspecto fundamental foi priorizar a mobilidade peonil fronte á motorizada, explicou, transformando prazas e rúas para "provocar un modo máis natural e lóxico de moverse: camiñar". Foi un proceso "progresivo" pero cun impacto "alto", sinalou na súa intervención, na que enumerou a peonalización da cidade, as medidas aplicadas para acougar o tráfico rodado, a renovación de espazos públicos ou a potenciación de áreas comerciais abertas.

Todo iso permitiu, segundo apuntou Macenlle, que dous de cada tres desprazamentos urbanos sexan a pé, que se melloraron os parámetros ambientais cunha maior calidade do aire e unha notable redución das emisións de CO2, que apenas haxa conflitividade entre vehículos e peóns, que se reduciran a cero os accidentes mortais, que a maioría dos nenos vaian sós ao colexio, que haxa máis vida nas rúas e máis actividade comercial ou que se avanzara notablemente para alcanzar a accesibilidade universal.

Axel de Martene, asesor da Comisión Europea en materia de mercados internos, destacou que ve a Pontevedra nunha "vangarda" do vello continente en materia de mobilidade

En definitiva, concluíu, Pontevedra "é un espazo urbano alternativo, que se constrúe segundo un modelo de mobilidade natural e sustentable, aproveitando a súa condición de cidade compacta e convencida de que camiñar é a forma máis sa, natural e humana de trasladarse". Unha experiencia de transformación urbana dunha pequena cidade europea, dixo, "que confiamos poida servir de pauta para construír outras cidades que melloren a vida dos seus habitantes". 

Pontevedra compartiu mesa coas cidades chinesas de Langzhong e Wuhan, con dúas experiencias de intervencións urbanas en París ou con Axel de Martene, asesor da Comisión Europea en materia de mercados internos. Este último destacou que ve a Pontevedra nunha "vangarda" do vello continente en materia de mobilidade e sinalou que é "urxente" que todas as cidades camiñen cara a un modelo máis orientando cara ao peón.

"Nos últimos anos vivín en Bruxelas ou París, grandes cidades, onde apenas é posible moverse xa. Teño un fillo pequeno e non quero que creza en áreas cheas de tanta polución. Cantas máis cidades se comprometan neste proceso, será bo para todos. E desde a miña posición é fantástico ver que moitas cidades de diferentes lugares de Europa están a entender isto", afirmou tras ver a presentación de Pontevedra.