Un ano máis, o mellor cabaret galego encherá as rúas de Pontevedra coa IV edición de Ponte Coqueta. O espectáculo estará cargado de novidades e actividades para todas as idades.
Durante a presentación desta nova edición, a concelleira de Festas, Carme da Silva e o organizador da actividade, Marcelo Dobode, animaron a todos os veciños a "sacar a revolución que levades dentro".
O obxectivo da actividade é claro, recrear os anos 20 durante unha semana enteira na que haberá unha chea de sorpresas, empezando polo cambio de lugar onde se farán algunhas actividades.
A inauguración é o luns 26 de agosto no Casino Mercantil coa conferencia 'A muller e o cabaré da Galiza' que impartirá Akira Valero e na que falará da importancia da muller na música galega. Será a partir das 20:00 horas.
O mércores 28 haberá un taller de cabaret para nenos e nenas no Mercantil a partir das 18:00 horas. A actividade repetirase ao día seguinte no mesmo sitio e á mesma hora.
Para os máis maiores tamén haberá actividades. Serán na Casa Azul e haberá talleres tanto de iniciación como avanzados. Por unha banda, o xoves serán os talleres de cabaret e o venres de lindy hop. Ás 18:00 horas poderán apuntarse todas as persoas que queiran iniciarse nos bailes e ás 20:00 horas aqueles que queiran perfeccionalo. Para este último será necesario acudir con parella.
O venres ás 22:30 horas será o espectáculo de cabaret ao aire libre. Celebrarase na Praza de Curros Enríquez e estará "cheo de sorpresas", explicou Marcelo. Faranse bailes na rúa da man de Iria Piñeiro e Marinita Calleja, entre outras.
O sábado empezarase cedo con outro taller de iniciación, esta vez ao lindy hop. Será na casa Azul e empezará ás 9:00 horas o de iniciación e ás 11:00 o avanzado. Ás 13:00 será a mostra de swing, lindy hop e charlestón nas prazas da Ferrería, Peregrina e Curros Enríquez.
As actividades do sábado ao aire libre realizaranse na Praza de Curros Enríquez e son as seguintes. Ás 13:00 horas será a Sesión vermú cun concerto do grupo Áureas, ás 17:00 un taller para nenos e nenas de cabaret onde se incluirá a presentación do espectáculo que preparen.
Ás 18:30 haberá unha clase aberta de Swing que "sempre se abarrota", e por último e como colofón para esta actividade, celebrarase o Baile Coqueto con concertos ás 20:00 horas e ás 22:00. En primeiro lugar actuará o grupo Sar Swing Quartet e despois The Vagar.