A Lei de racionalización e reforma da Administración local reduciu as competencias dos concellos en materia educativa e imposibilita que asuman calquera actuación a maiores das obras de conservación e mantemento de colexios. A situación afecta a todos os municipios de Galicia, pero o de Pontevedra decidiu rebelarse e pedir autorización á Xunta de Galicia para seguir prestando servizos que asumían antes da reforma legal, tales como os convenios que subscribían coas Anpa dos centros educativos e a Fanpa (Federación de Anpas).
A concelleira de Educación, Carmen Fouces, indicou este luns que a semana pasada dende o Concello se remitiu un completo informe á Xunta de Galicia coas actividades realizada a través deses convenios, as memorias de actividade os últimos anos ou os presupostos manexados para apoiar a petición dunha autorización expresa para poder seguir executando eses convenios.
A petición pide poder dar continuidade aos programas e actividades educativas complementarias nos colexios de Primaria e Infantil no Concello e vai dirixida á Dirección Xeral de Administración Local. Tras a súa recepción, ten tres meses para responder. Mentres tanto, o Concello irá adiantando trámites para poder estar en disposición de recuperar o tempo perdido en caso de que se lle conceda o permiso.
A medida afecta a dous convenios coa Fanpa e as subvencións ás Anpas
O Concello quere coñecer a posibilidade de convocar unha liña de subvencións para o financiamento das actividades extraescolares dos centros educativos e de organizar actividades complementarias dende o Concello. En concreto, as actuacións que a nova lei impide asinar dous convenios que o Concello subscribe dende hai anos coa Fanpa e pon en perigo os servizos que se prestan asociados a estes. Un deles, de 206.000 euros, permite a posta en marcha dos comedores escolares e o Plan Madruga, unha colaboración coa asociación de TDH, actividades coas familias e o propio funcionamento da Federación. O outro, de 50.000 euros, destínase ás ludotecas de verán e Nadal e ás bolsas de comedor.
A maiores, o Concello concedía 25.000 euros en subvencións ás distintas asociacións de pais de cada colexio sobre a base dunha convocatoria pública anual. Nin estas axudas nin as da Fanpa pode seguir concedéndoas por lei, malia que "o diñeiro o temos, a intención a temos e a necesidade existe".
Os convenios coa Fanpa que están actualmente en vigor permiten aínda prestar os servizos de todo este ano, pero, no caso das Anpas, habería que sacar unha nova convocatoria no mes de setembro. Nestes momentos, todo está en suspenso á espera de da resposta da Xunta.