Pontevedra pide estudar "alternativas" para que a A-57 sexa "menos lesiva" en Xeve e Bora

Pontevedra
22 de xaneiro 2024

A problemática do trazado do segundo tramo da A-57, entre A Portela e Pilarteiros, chegou este luns ao pleno municipal. E fíxoo no medio do consenso de toda a corporación para que o Goberno estude fórmulas para reducir a afección desta autovía

Pleno da corporación municipal no Teatro Principal Mónica Patxot

A problemática do trazado do segundo tramo da A-57, entre A Portela e Pilarteiros, chegou este luns ao pleno municipal. E fíxoo no medio do consenso de toda a corporación para que o Goberno estude fórmulas para reducir a afección desta autovía.

A proposta, presentada polo PP e emendada polo PSOE, reclama ao Estado que se "reevalúen as alternativas que poidan existir" para que as zonas de Xeve e Bora polas que debe atravesar a autovía non sufran danos ambientais e sociais.

"Al ministro nadie le va a echar en cara que se reúna con los vecinos y busque alternativas", subliñou o portavoz popular, Rafa Domínguez, que considera "sensato y prudente" repensar o proxecto durante os próximos meses e dar unha "respuesta adecuada" aos afectados.

Domínguez considera que despois de 25 anos esperando por esta autovía "podemos esperar unos meses más" e modificar un trazado que "no tiene mucho sentido" e que xera un problema "que afecta a muchas familias y a la propia ciudad".

O socialista Iván Puentes coincidiu en que esta obra ten un problema "importante" de afectación a particulares e a toda a zona que atravesa porque "divide" a estas dúas parroquias e os seus residentes "padecerán as consecuencias", algo que "nos debe preocupar".

Sostivo que, por moi avanzada que estea a tramitación deste segundo tramo, "estamos no momento" para reconsiderar este proxecto, buscando un trazado "menos lesivo" que limite "ao máximo" o impacto ambiental sobre o territorio.

A esta unanimidade sumouse o BNG, aínda que o edil César Mosquera alertou do perigo de "andar adiante e atrás" con este tipo de cuestións. Asegurou que todas as infraestruturas "fan dano", polo que avogou porque se fagan "co menor dano posible". 

"O problema é ver onde fai menos", afirmou Mosquera, que considera que é algo que "hai que deixar en mans de quen fai a infraestrutura". Se o ministerio entende que se poden estudar cambios "pola vía que sexa", sentenciou, "por nós que non quede".

Ao debate deste asunto no pleno acudiron veciños e representantes de ambas as parroquias que, desde hai un tempo, iniciaron unha campaña para que paralice a construción da autovía ante os problemas que provoca o seu segundo tramo, A Ermida-Pilarteiros.

UNANIMIDADE PARA MELLORAR SAN ROQUE

Tamén obtivo o respaldo de toda a corporación a segunda moción presentada polo PP, relativa a melloras no barrio de San Roque e que, segundo o concelleiro Iago Acuña, sofre un "deterioro sustancial" ante o investimento "escaso" do goberno municipal.

Os populares reclamaron máis limpeza no barrio, a ampliación das beirarrúas na rúa Irmáns Nodais, a reforma das escaleiras da rúa Juan Villaverde, o arranxo das fochas en Ribeira dos Peiraos ou a rehabilitación integral de Almirante Matos.

Desde o goberno municipal, César Mosquera defendeu que estas actuacións "iranse facendo cando toque" e que moitas delas, como a reforma de Almirante Matos, "xa teñen proxecto". A preocupación do Concello por este barrio, dixo, "témola demostrado con proxectos e con cartos para facelos".