Pontevedra pide á Xunta ser "flexible" coa mobilidade dos que viven en zonas limítrofes

Pontevedra
18 de xaneiro 2021

Un dos casos máis sensibles dáse, por exemplo, nos barrios de Estribela (Pontevedra) e Cantodarea (Marín), afeitos historicamente a facer xuntos a súa vida diaria. O mesmo ocorre noutras áreas "fronteirizas" como Ponte Sampaio e Arcade ou Campañó e Poio

Control policial entre Marín e Pontevedra polas restricións da covid-19 PontevedraViva

Desde a entrada en vigor das novas restricións pola covid-19, que entre outras medidas impuxo un peche perimetral a todo o municipio de Pontevedra, houbo problemas en determinadas zonas, especialmente nas limítrofes noutros concellos.

Un dos casos máis sensibles dáse, por exemplo, nos barrios de Estribela (Pontevedra) e Cantodarea (Marín), afeitos historicamente a facer xuntos a súa vida diaria.

Os veciños cruzaban os límites municipais para ir ao supermercado, acudir ao médico ou recoller medicamentos na farmacia. E agora, con estas restricións, todo se complicou.

O mesmo ocorre noutras áreas "fronteirizas" como Ponte Sampaio e Arcade ou Campañó e Poio.

Ante esta situación, o goberno municipal de Pontevedra pediu ás autoridades que sexan "flexibles" no control da mobilidade destas zonas, de maneira que os veciños que viven nelas poidan entrar e saír delas sen problemas.

"Trátase de que revisen os peches para mellorar o día a día dos veciños", sinalou a portavoz do executivo local, Anabel Gulías, que pediu á Xunta que "teña en  conta estes criterios" á hora de aplicar estas restricións.