Hai cinco anos, en 2017, Pontevedra tiña 83.935 habitantes. A partir de aí, o crecemento foi constante ata rozar os 85.000 residentes cos que pechou 2020, o ano da pandemia. Pero desde entón, o municipio foi perdendo poboación de maneira paulatina.
Así o certifican os datos do padrón municipal, que reflicten que a 31 de decembro de 2022 Pontevedra tiña rexistrados 83.909 cidadáns. Son 362 menos que o ano anterior que, con respecto a 2020, xa perdera outros 559 habitantes.
É dicir, son 922 persoas menos residindo en Pontevedra con respecto ao máximo pico de poboación rexistrado xamais no concello, os 84.830 que había dous anos antes.
De todos eles, 44.231 son mulleres, un 52,71% do total, e 39.678 son homes.
A inmensa maioría dos pontevedreses residen, como era de esperar, no centro urbano. Nel, hai rexistradas 64.307 persoas. Isto significa que sete de cada dez habitantes do municipio optan por vivir na cidade. O resto, 19.602 habitantes, repártense entre as quince parroquias.
Hai xusto un ano, había 64.383 residentes na cidade, 76 máis que ao peche do ano 2022; e 19.888 no rural, o que supón un descenso de 286 persoas nos últimos doce meses.
Todas as áreas rurais, salvo Cerponzóns, que conta con catro veciños máis dos que tiña a finais de 2021 (707) perderon poboación no último ano.
Así, Marcón e Mourente caen por baixo do dous mil residentes, ao quedar en 1.963 (-48) e 1.979 (-23) respectivamente; mentres que tamén hai un descenso bastante acusado en Lourizán, que queda con 2.938 habitantes (-43).
Campañó, con 1.807 (-22); Lérez, con 1.665 (-46), Santo André de Xeve, con 1.032 (-14) e Ponte Sampaio, con 1.017 (-26), logran manterse por encima do milleiro de veciños.
Tampouco logran aumentar poboación Tomeza, que queda con 957 habitantes (-10); Verducido, con 868 (-9); Santa María de Xeve, con 785 (-15); Bora, con 738 (-8); Alba con 700 (-12) ou A Canicouva, con 246 (-6).
Salcedo, por último, só ten un habitante menos que hai un ano, un total de 2.010 persoas.
AUMENTA A POBOACIÓN ESTRANXEIRA
O descenso poboacional de Pontevedra sería aínda máis acusado se non fóra polo aumento que experimentou os residentes estranxeiros que hai no municipio. En só un ano creceron en 238 persoas máis, ata un total de 4.818, a cifra máis alta que rexistrou xamais.
A tendencia mantense nos dous primeiros meses de 2023, xa que ao 28 de febreiro había rexistrados en Pontevedra 4.906 cidadáns con nacionalidade non española.
A comunidade internacional máis numerosa é a de Venezuela (691), seguida da de Colombia (610), Portugal (460), Brasil (404), Marrocos (393), Perú (244), Italia (208), China (178), Romanía (145), Arxentina (144) e Senegal (125).
Superan tamén o medio centenar de expatriados os chegados desde Reino Unido (82), República Dominicana (80), Estados Unidos (76), Francia (76), Cuba (74), Ghana (70), Ucraína (62), Alemaña (61), Ecuador (58), México (52), Paraguai (52) e Uruguai (51).