Para facilitar a construción da ansiada variante de Alba, o Concello de Pontevedra tomou a decisión de solicitar ao Ministerio de Transportes a cesión dun tramo da estrada N-550, concretamente entre o cruzamento coa PO-225 en San Caetano e Pasarón.
Así o avanzou este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que explicou que a cesión destes preto de dous quilómetros e medio incluirá unha reivindicación histórica do goberno municipal, asumir a xestión de toda a Avenida de Compostela.
No caso desta petición non sexa aceptada, "subsidiariamente" o Concello aceptaría asumir os 400 metros que separan San Caetano e a conexión da N-550 coa futura variante.
Fernández Lores entende que esta solicitude oficial de cesión é a fórmula "máis acaída" para que o Goberno central autorice conectar a estrada nacional co novo vial. "Sería moito máis factible se a estrada é nosa", sinalou o rexedor pontevedrés.
Esta petición será analizada no pleno que a corporación municipal celebrará este mes de setembro, co obxectivo de remitila a Transportes canto antes.
O alcalde lembrou que a Xunta de Galicia aceptou construír a variante de Alba, que uniría a N-550 coa PO-531, sempre que contase coa autorización do ministerio que, nos contactos que se produciu, pediu que houbese unha solicitude formal.