Pontevedra pechou 2016 cunha taxa de paro do 17,6%, segundo a EPA

Pontevedra
26 de xaneiro 2017

A do Lérez sitúase así como a terceira cidade galega con maior taxa de desemprego. Supéranlle Ferrol, que encabeza este rexistro cun 24,4% de desemprego (6.100 parados); e Vigo, que cunha taxa do 20,1% e 29.000 parados, ocupa a segunda posición

Obreiros traballando na rúa Mónica Patxot

Un total de 7.600 pontevedreses acabaron o ano 2016 nas listas de desemprego. Así o recolle a Enquisa de Poboación Activa (EPA), que se coñeceu este xoves. A cidade de Pontevedra, a 31 de decembro, alcanzou unha taxa de paro do 17,6%.

A do Lérez sitúase así como a terceira cidade galega con maior taxa de desemprego. Supéranlle Ferrol, que encabeza este rexistro cun 24,4% de desemprego (6.100 parados); e Vigo, que cunha taxa do 20,1% e 29.000 parados, ocupa a segunda posición.

Ourense (16,8% e 8.600 parados), Santiago de Compostela (14,7% e 7.900 parados), Lugo (14,2% e 7.700 parados) e A Coruña (13,2% e 15.800 parados) si melloran os datos de desemprego que se rexistran en Pontevedra.

Aínda que son máis fiables os datos de paro rexistrado, a EPA mostra a tendencia que se produce no mercado laboral e, neste sentido, Pontevedra parece recuperarse dos peores anos da crise.

Hai dous anos, en 2014, esta enquisa arroxaba unha taxa de paro na cidade do 24%, seis puntos superior á actual.

Por provincias, o maior número de ocupados sitúase na da Coruña, con 458.100 persoas ocupadas, cunha taxa de ocupación do 55,21%. Séguelle Pontevedra, con 354.6000 persoas con emprego e unha taxa de ocupación do 53,9%. Nela, a taxa de paro alcanza un 18,47%.