Xaneiro pecha en negativo nas Oficinas dos Servizos Públicos de Emprego de Pontevedra. O primeiro mes de 2015 deixou na cidade 291 desempregados más que en decembro do pasado ano, segundo os datos publicados este martes pola Consellería de Traballo e Benestar Social. En total, rexistráronse nas listas oficiais 8.416 persoas en busca dun emprego, un 3,58% máis que o mes anterior.
En todo caso, os servizos públicos de Emprego destacan que Pontevedra conta con menos parados que hai un ano. Entón, había 8.909 persoas desempregadas na cidade, un 45,53% máis que en xaneiro deste ano.
A subida do desemprego na cidade é similar, en termos porcentuais, á que se rexistrou en practicamente todos os concellos das comarcas de Pontevedra, O Morrazo, Caldas ou O Salnés. Tan só houbo unha excepción, Ponte Caldelas, onde se reduciu a lista do paro en sete persoas no primeiro mes do ano. O resto oscila entre o 8,89% de subida na Illa de Arousa e o 0,26% (só tres persoas) que creceu en Caldas.
Xaneiro 2015 | Decembro 2014 | Variación mensual | |
Pontevedra | 8.416 | 8.125 | 291 (3,58%) |
Barro | 424 | 412 | 12 (2,91%) |
Bueu | 1.151 | 1.092 | 59 (5,40%) |
Caldas de Reis | 1.157 | 1.154 | 3 (0,26%) |
Cambados | 1.656 | 1.551 | 105 (6,77%) |
Campo Lameiro | 224 | 217 | 7 (3,23%) |
Cotobade | 495 | 466 | 29 (6,22%) |
Cuntis | 537 | 527 | 10 (1,86%) |
O Grove | 1.331 | 1.291 | 40 (3,10%) |
A Illa de Arousa | 441 | 405 | 36 (8,89%) |
A Lama | 269 | 255 | 14 (-1,54%) |
Marín | 2.438 | 2.329 | 109 (4,68%) |
Meaño | 630 | 601 | 29 (4,83%) |
Meis | 596 | 586 | 10 (1,71%) |
Moraña | 539 | 535 | 4 (0,75%) |
Poio | 1.690 | 1.586 | 104 (-1,37%) |
Ponte Caldelas | 696 | 705 | -9 (-1,28%) |
Portas | 336 | 325 | 11 (3,38%) |
Ribadumia | 539 | 515 | 24 (4,66%) |
Sanxenxo | 1.779 | 1.732 | 47 (2,71%) |
Vilaboa | 674 | 621 | 53 (7,86%) |
Vilagarcía de Arousa | 4.797 | 4.752 | 45 (0,95%) |
Vilanova de Arousa | 1.210 | 1.191 | 19 (1,60%) |
DATOS PROVINCIAIS
O primeiro mes do ano rematou na provincia con 3.119 persoas máis no paro que o mes anterior. Segundo os datos do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, o paro situouse ao remate do mes de xaneiro en 103.546 persoas na provincia, o que supón que hai un 3,10% máis demandantes de emprego que un mes antes.
A pesar do negativo dos datos, as cifras de traballadores rexistrados como demandantes de emprego seguen sendo inferiores ás dun ano antes. En Pontevedra hai 8.287 parados menos que en xaneiro de 2014, isto é, descenderon un 7,41% en 12 meses.
As cifras pontevedresas seguen a tendencia global en Galicia e España. A nivel autonómico, o paro incrementouse en 7.084 persoas, un 2,81 por cento máis con respecto a decembro de 2014 e sitúase xa en 259.002 demandantes de emprego. A nivel estatal, o número de desempregados rexistrados como demandantes de emprego aumentou en xaneiro de 2015 en 77.980 persoas e sitúa a cifra total en 4.525.691 persoas.
Igualmente negativas resultaron as cifras relativas aos afiliados á Seguridade Social. Situáronse en xaneiro en Pontevedra 310.678 ocupados despois de rexistrar un descenso de 5.691 persoas. Esta variación supón unha redución intermensual do 1,80%.
A perspectiva anual é máis positiva que a mensual. Os datos do Ministerio de Emprego e Seguridade Social feitos públicos este martes reflicten un crecemento de 4.259 afiliados na provincia con respecto ao mesmo mes de 2014, o que implica un incremento do 1,39%.
Pontevedra foi no mes de xaneiro a provincia galega cunha maior redución de afiliados, pero tamén a que gañou máis porcentualmente en relación a xaneiro de 2013. No global da comunidade galega, as afiliacións á Seguridade Social situáronse en 913.329, 13.153 traballadores menos que un mes antes ou, o que é o mesmo, un descenso intermensual do 1,42%. Supoñen 11.952 traballadores máis que un ano antes, un incremento do 1,33%.