Pontevedra pecha o ano licitando obras por 4,5 millóns de euros

Pontevedra
20 de decembro 2021

A maior parte deste investimento, 3.065.000 euros, será para acometer seis actuacións de mellora na accesibilidade de núcleos rurais en Marcón, Lourizán, Mourente, A Canicouva, Lérez e Campañó. O prazo de execución de todas elas será de dez meses

Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal Mónica Patxot

Pontevedra deu luz verde a unha serie de licitacións anticipadas que, por valor duns 4,5 millóns de euros, prevén impulsar nas primeiras semanas de 2022.

A maior parte deste investimento, 3.065.000 euros, será para acometer seis actuacións de mellora na accesibilidade de núcleos rurais en Marcón, Lourizán, Mourente, A Canicouva, Lérez e Campañó. O prazo de execución de todas elas será de dez meses.

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, destacou que estas obras "poñen o ramo" ao "esforzo" realizado polo Concello este ano nas zonas rurais do municipio.

Así, este paquete de actuacións incluirá a mellora do acceso ao núcleo da Peralba (Marcón), obras en Rorís, A Meán, Rial e Liñares (Lourizán), Casas Novas (Mourente) e Cacheiro (A Canicouva), a mellora da conectividade en Ramallás (Lérez) ou a mellora da seguridade viaria entre Carballiños e Ferreiros (Campañó).

Ademais, outros 467.000 euros procedentes dos fondos europeos EDUSI serán para o núcleo de centralidade de Marcón, na contorna da casa de cultura da parroquia, que unha vez contratadas deberán estar terminadas en cinco meses.

"É unha obra importante para nós", segundo explicou Gulías, xa que permitirá mellorar toda a contorna da casa parroquial e o campo da festa, a renovación de camiños desde diferentes núcleos ou instalar unha rampla para mellorar a accesibilidade desta área.

Esta intervención non incluirá os lombos propostos na estrada autonómica que pasa por diante desta zona porque a Xunta, segundo o goberno municipal, non os autorizou.

As licitacións autorizadas polo Concello complétanse con tres obras xa adiantadas nos últimos días, a creación dunha zona de xogo no parque Amalia Álvarez (case 60.000 euros), a renovación da pista do pavillón municipal (312.000 euros) e a reparación da cuberta do multiusos da Xunqueira (172.000 euros).