Pontevedra ofrece aloxamento en hoteis a traballadores públicos que convivan con persoas de risco

Pontevedra
25 de marzo 2020

Os traballadores municipais que seguen a traballar para garantir os servizos mínimos de atención á cidadanía poderán, se así o desexan, aloxarse en hoteis da cidade e non convivir con persoas de risco para minimizar ao máximo as posibilidades de contaxio do coronavirus

Rúas de Pontevedra baleiras Diego Torrado

Os traballadores municipais que seguen a traballar para garantir os servizos mínimos de atención á cidadanía poderán, se así o desexan, aloxarse en hoteis da cidade e non convivir con persoas de risco para minimizar ao máximo as posibilidades de contaxio do coronavirus.

Esta medida, segundo o Concello, é de carácter voluntario e está pensada para os traballadores públicos de servizos esenciais e que acoden a diario aos seus postos de traballo.

En Pontevedra, ao redor dunhas 120 persoas están traballando en remoto desde os seus domicilios, en dúas quendas, e ao redor de 200 persoas traballan presencialmente, das cales 150 forman parte de Policía Local e Bombeiros, e outras cen acoden aos seus postos en quendas e en diferentes instalacións municipais.

Esta opción de dispoñer dun aloxamento individual é un dos recursos que o Concello pon a disposición do seu persoal para evitar a propagación do COVID-19 entre a poboación en xeral, e entre os grupos máis vulnerables en particular.

O goberno municipal asumirá o custe do aloxamento hoteleiro e o traballador ou traballadora deberá cumprir cos requisitos de confinamento fóra do seu horario laboral, incluídos fins de semana e demais libranzas

Para isto, deberán dispoñer da equipaxe e obxectos persoais suficientes para respectar o confinamento durante todo o período que permaneza activo o estado de alarma.